«Para un bo estudo dos nomes cómpre asegurarse de cal é a forma correcta»

Abre a Colección Terra Nomeada da Asociación Galega de Onomástica e da Deputación


lalín / la voz

A onomástica paréceme unha disciplina atractiva e sigo intentando aprender sobre ela. Son palabras de Luz Méndez Fernández, doutora en Filoloxía Galega, académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que acaba de publicar Toponimia de Agolada, o primeiro número da Colección Terra Nomeada que sae á luz coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica e da Deputación de Pontevedra. Un libro que se presentou o pasado día 10 nos Pendellos de Agolada, municipio dezao de onde Luz Méndez é natural.

-Que lle fixo especializarse en onomástica?

-Eu estudei filoloxía e a onomástica é unha parte da mesma que se ocupa dos nomes propios, unhas palabras especiais xa que en ocasións, como sucede frecuentemente no caso dos topónimos (os nomes de lugar) quedan fixadas nun momento concreto da historia, o que nos permite ter datos de como se falaba nun tempo pretérito. O topónimo Pontevedra, por exemplo, remítenos a unha época en que o adxectivo vello, vella se dicía vedro, vedra polo que xa se entende facilmente que o nome significa «ponte vella». Ou o topónimo Cartimil, que resulta do xenitivo do nome de persoa Cartemirus, que era como se chamaba o propietario desas terras. Ese nome, documentado en Galicia antes do século X, pasou de moda arredor do século XI e deixouse de usar. Esa é a razón de que hoxe xa non se entenda ben o topónimo. A onomástica dános moitas pistas sobre a historia da lingua e, ademais, ocúpase de palabras moi próximas a nós: nomes persoais, apelidos, nomes de lugar.

-Presentou «Toponima de Agolada. ¿Como xordeu este libro?

-Hai uns cantos anos a Asociación Galega de Onomástica propúxolles ós seus socios iniciar unha colección de libros sobre os nomes de lugar de Galicia para que os galegos apreciasen a toponimia como outro aspecto máis do patrimonio inmaterial, así considerada pola Unesco. Acordouse organizar o traballo por concellos e varios socios empezamos o traballo. Uns anos despois a Real Academia Galega acolleu a nosa proposta e aceptou publicalos. É só casualidade que a Academia chegase primeiramente a un acordo coa Deputación de Pontevedra. Por iso o primeiro foi o concello de Agolada pero xa está preparada tamén a toponimia de tres concellos de Lugo: Rábade e Begonte, da autoría de Paulo Martínez Lema, e de Trabada, un traballo asinado por Xulia Marqués.

-Entendo que é froito dunha profunda investigación. ¿Canto tempo precisou?

-A idea desta colección naceu alá polo ano 2008 e uns cantos socios puxémonos co labor. Todos nós temos outras ocupacións e debémolo facer no noso tempo libre. Para un bo estudo dos nomes de lugar cómpre, en primeiro lugar, asegurarse de cal é a súa forma correcta e aínda que os nomes das entidades de poboación están recollidas no Nomenclátor de Galicia este non é perfecto: hai erros gráficos, topónimos mal recollidos ou que non se incluiron. O primeiro que tiven que facer foi o traballo de campo para comprobar que a lista de nomes que ía estudar era a correcta.

-¿Fixo consultas a veciños que residían nas distintas parroquias e lugares?

Para iso consultei con persoas do concello que o coñecían ben e que residían nos lugares que me presentaban dúbidas e tamén moitas veces fun ver os sitios. Despois veu a pescuda histórica e lingüística para intentar dar coa forma escrita máis antiga dos nomes das aldeas e parroquias do concello de Agolada. Non é doado encontrar tódolos nomes mencionados en documentos antigos pero os que localicei incluínos sempre no libro.

«O topónimo Brocos, con orixe en Agolada, é único en todo o mundo»

Unha publicación para a que Luz Méndez tivo que investigar sobre a orixe dos nomes. Sobre algúns, apunta, xa traballaran outros autores como o sacerdote Nicandro Ares con estupendos artigos en relación cos nomes de persoa e de lugar de Galicia e que achegou a hipótese sobre bastantes nomes de Agolada.

-Noutros casos, moi difíciles, tiven que propoñer con cautela a miña propia teoría, que non sempre se poderá comprobar se non aparecen datos novos sobre como era o topónimo noutras épocas. Uns poucos destes nomes seguramente nunca se dean resolto.

-Como se estructura a obra?

-Preténdese que tódolos libros da colección teñan a mesma factura. Están organizados como un dicionario, cos topónimos ordenados alfabeticamente. En cada entrada explícase a orixe etimolóxica do topónimo, engádense os exemplos escritos máis antigos que se localizaron e, cando é posible, indícanse outros nomes de lugar emparentados con el, e se deixou ou non apelido. O asunto dos apelidos é importante e, ás veces, significativo. Hoxe en Galicia hai unhas 300 persoas que se apelidan Brocos e outras 20 no resto de España e en varios países de Sudamérica tamén hai dito apelido e todos os que o levan teñen a súa orixe máis remota nesa parroquia de Agolada xa que Brocos é topónimo único no mundo.

-Que nos pode dicir da súa parroquia, ¿a de Ventosa?

-É un nome transparente. É un adxectivo derivado do sustantivo vento e fai alusión a que é un sitio pouco protexido cando sopra o aire. É un nome que designou un territorio medieval que pertenceu ó condado de Deza.

-O seu seguinte proxecto...

-Participo nun Dicionario de Apelidos Galegos, un encargo da RAG, que coordina Ana Boullón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Para un bo estudo dos nomes cómpre asegurarse de cal é a forma correcta»