«Destes anos quedome ca miña xente, cos músicos e as familias»

Nilo García deixa a batuta da Banda de Agolada despois dunha década e cando cumpre 24 anos como músico


Lalín / la Voz

Nilo Jesús García Armas deixa a dirección da Banda de Agolada despois dunha década o fronte da formación. A súa despedida será o concerto de inauguración do Auditorio, que de momento, está fixado para o 11 de marzo.

-Son moitos anos ¿porqué agora?

-Supón rematar un ciclo. Fai moito que tomei a decisión. De feito dende novembro do 2015, pero na cabeza a decisión levaba moito tempo. Dirixir a banda de Agolada foi o mellor que me pasou na vida e deixalo é unha das decisións más duras. Quero seguir sendo un amigo de todos. Deles a das súas familias. A vida vai pasando e estou convencido de que os cambios sempre son bos. É a riqueza da vida.

-¿Cal é a razón de deixalo?

-Descansar. Levo dez anos de director da Banda de Agolada. Fai dous anos xa que deixei a dirección da Escola de Música. Levo 24 anos na banda e seguirei sendo músico da banda. A razón é a necesidade de relaxarme un pouco e principalmente descansar. Fago máis kilómetros que o Monbús. A vida e as circunstancias van mudando e é outra etapa para min e para a banda.

-¿Seguirá dando clases na Coruña?

-Son funcionario da Xunta dende o 2007. Sigo dando clases de clarinete no Conservatorio de A Coruña. Estou facendo un máster de dirección de orquestra en Valladolid. Acábanme de seleccionar para un concerto de músicos en Castela e León. Hoxe (por onte) teño un concerto na Coruña cun ensemble de clarinetes que dirixo. A vida pasa depresa e o tempo non da para todo.

-¿Qué supuxo para vostede ser director da Banda de Agolada?

-É un deses soños que tes de neno e que non pensas que puidera facerse realidade. Voume coa satisfacción de haber feito moitas cousas no meu pobo, gañar concursos, facer un disco, proxectos con diferentes artistas, creando un bo ambiente.

-¿Con qué se queda?

-Ca miña xente, cos músicos, os pais dos músicos, coa xente do Concello con Juan de Óscar, Ramiro Varela, Torreiro, cos veciños de Agolada que teñen un amor grande pola música e ocuparán sempre un anaco grande do meu corazón. Unha década da para moito e voume satisfeito. Esa espiña que nos quedaba era a do Auditorio e finalmente vai a estar aí para que o desfruten todos. É unha necesidade do século XXI. Vai ser un auditorio magnífico para seguir creando canteira e escola e seguir colleitando éxitos. Eu irei a Agolada cando poda, teño os meus avós... Na vida son etapas e esta estaba claro que ía a acabar. Seguirei tendo relación cos músicos.

-Foron anos de moita convivencia

-Fíxose moita relación social, involucrouse a banda co pobo. Hoxe Agolada é coñecida pola música e que siga sendo así. Puxen unha pedra igual que fixeron antes José Manuel Collazo e José Luis Quintás e moitos outros.

-¿Quen estará no concerto do 11 de marzo?

-O concerto queren vir músicos que colaboraron estes anos e queren estar na miña despedida e estar cos rapaces e os músicos. Somos unha gran familia. Como lles digo eu, isto non é unha despedida, é un ata logo. non me marcho o Caribe, seguirei moi preto.

-Estarán Susana Seivane, Mónica García,...

-Si, estará Susana Seivane, Mónica a actriz, que é de Agolada. A idea é xuntarnos todos porque vai ser un día especial e emotivo para todos. Empeza outro camiño. Eu calculo que estaremos máis de cen entre músicos da banda, os gaiteiros, a coral...

-¿Haberá algunha sorpresa?

-Algunha haberá. A inauguración ía a ser en novembro e foise retrasando, así que levamos tempo preparando. Tocaremos con Susana Seivane, algunha peza coa coral, cos gaiteiros. Unha con Rubén Quintela e con Anxo Regueira que son de Agolada e cantan en dúas orquestras. Os de Odaiko están mirando se poden vir. Estarán os de Cuarta Xusta que son rapaces de Agolada. Estamos aínda ultimando as colaboracións porque son desinteresadas e andamos cadrando axendas.

-Nestes anos foron moitos viaxes, moitas anécdotas

-Moitísimas. Son moitas vivencias, moitos sentementos. Fomos dúas veces a Asturias, a Bilbao, a Portugal, A Valencia, a Murcia,... crear ese bo ambiente, ese feeling non é fácil. Temos unha relación moi especial, cando te desvives por un proxecto que involucra a tantas persoas sempre trae tiras e afloxas, pero gustaríame ser recordado por ser boa persoa, como un veciño máis.

-Tamén trouxeron moitos premios nestes dez anos

-Si, están no currículum da Banda. Case todos primeiros ou segundos premios. Voltamos sempre con algún trofeo. O terceiro en Valencia onde eramos unha das bandas máis novas e aínda me chamaron fai pouco para facerme unha entrevista. E porque o primeiro era para unha banda belga e o segundo tiña que quedar en Valencia O nome de Agolada está máis que recoñecido. -¿Cando empezou na banda?

-No 93. Tiña once anos. Daquela eramos catro nenos e o resto eran todos señores maiores. Viaxamos a tocar a Moraña e os vellos preguntaban onde quedaba Agolada e eu lle respondía que «o lado de Borraxeiros», pero agora xa todo o mundo sabe onde queda Agolada no mundo das bandas. Eu seguirei amando a miña banda e á xente, e seguirei tocando con ela cando poda.

-¿É o campamento musical?

-Agora mesmo non sei o que pasará. Foi unha experiencia bonita da que me sinto moi satisfeito.

A asociación inicia a valoración dos candidatos en busca de relevo

A asociación da Banda de Agolada busca xa relevo para o seu director. O proceso está xa en marcha e un dos primeiros pasos será ir facendo a valoración dos candidatos. Unha valoración que pasa tamén por manter encontros dos candidatos coa banda e ir probando. A directiva tamén aborda un posible relevo. Por outra banda, o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, apuntaba onte que a empresa adxudicataria do auditorio conta ter o día 23 xa as butacas e empezar a colocalas para rematar a obra a finais de mes. A inauguración cun concerto que servirá de despedida a Nilo Jesús García Armas como director será, en principio, o 11 de marzo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

«Destes anos quedome ca miña xente, cos músicos e as familias»