«Sermos os primeiros galegos en actuar en Irache é un reto»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

AGOLADA

Alejandro Piñeiro, director da Coral Polifónica de Agolada

25 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Coral Polifónica de Agolada viaxa mañán cara a Comunidade Foral de Navarra para ofrecer o domingo pola mañán un concerto no Monaterio de Santa María la Real de Irache; un dos conxuntos monumentais máis importantes, declarado Patrimonio Histórico de España. Un desprazamento dos coralistas agolenses orquestrado dende a Coral Camiño de Santiago de Ayegui, organizadora do décimoterceiro ciclo coral de outono que alí se celebrará.

-Nunca nos últimos doce anos cantara unha coral galega en Irache...

-Unha das nosas teimas é facer precisamente un bo papel en Irache. Sermos os primeiros galegos en actuar alí é unha responsabilidade e un reto apaixoante. Se xa é unha responsabilidade actuar nos festivais que se adoitan facer por aquí cantando catro ou cinco cancións, enfrentarnos a unha hora de programa levando o mellor que temos é unha inmensa responsabilidade que nos está encantando.

-Unha hora enteira de actuación e a coral en solidario neste ciclo coral, ¿que tipo de repertorio van a interpretar?

-Foi intenso ordealo. Non quería chegar alí e facer unha ristra de cancións. Quería que o concerto transmitira un concepto. Pensei no amor como sentemento, como concepto universal, como esa forza que move o mundo: amor de fillo, de nai, irmán, amor divino... A partires de aí artellei o repertorio en tres eixos; primeiro buscando a calidade da música e das letras, a espiritualidade xa que cantaremos nun sitio de gran relevancia histórica e profundizaremos nas emocións e logo o terceiro eixo é a galeguidade. A coral de Agolada é galega e temos que levar o mellor da nosa terra e transmitir a nosa cultura alí onde vaiamos.

-¿Cantos tempo levan preparando este concerto?

-Levamos 23 anos traballando neste concerto. Sempre lles digo nos ensaios aos coralistas que hai que ir a máis. Non vale quedarnos en fixémolo ben ou mal. Ten que notarse esa evolución, ese traballo que se ven facendo dende que se constituiu a coral no ano 1992 baixo a dirección de Enrique Alvarellos e pola que pasaron outros directores.

-Una vez volten de Navarra, ¿outras moitas citas en carteira?

-De Navarra xa voltaremos o domingo pola tarde e agárdanos un outono con moita actividade. O 10 de outubro estaremos en Ourense nun festival ao que nos convidou a Rondalla dos Afiadores, logo tocará ir a Vilagarcía e a finais de outubro de novo estaremos en Ourense como formación convidada na celebración dun concurso que gañamos o ano pasado. Mesmo para o mes de novembro xa están pechadas algunhas citas para irmos a cantar a Lugo e logo estar en concertos da Santa Cecilia pola zona.

alejandro piñeiro director da coral polifónica de agolada