A Estrada e Rianxo asinarán o seu irmandamento o 19 a carón da escultura da familia Castelao-Pereira

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

La Voz

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse este xoves ata Rianxo para participar na inauguración da exposición Virxinia Pereira: Dez voltas na vida, unha iniciativa que se integra no Ano Cultural 2026 e que chegou ao municipio coruñés despois de ter pasado o verán na alameda estradense. Esta foi a primeira proposta cultural na que colaboraron os dous concellos, que este mes de outubro asinarán o seu irmandamento. Neste senso, o rexedor trasladou o acordo de que o protocolo se rubrique na Estrada, o vindeiro 19 de outubro, nun lugar que ten unha importante carga simbólica: a carón da escultura que representa á familia Castelao-Pereira na Praza de Galicia e no día no que se cumpren 114 anos do casamento, nesta mesma contorna, da estradense Virxinia Pereira Renda co rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O 19 de outubro é tamén a data de nacemento de Virxinia, que veu ao mundo tal día do ano 1884.

Virxinia Pereira: Dez voltas na vida propón un percorrido pola traxectoria vital da protagonista do Ano Cultural 2026 no Concello da Estrada a través de dez etapas e viaxes vitais, desenvolvidas en seis estruturas e doce paneis informativos. O relato expositivo percorre escenarios fundamentais da súa biografía, como A Estrada, Rianxo, Pontevedra, Madrid, Nova York, París e Buenos Aires, poñendo o foco na súa relación vital e intelectual con A. D. Rodríguez Castelao e no seu papel decisivo para a conservación do seu legado.