O acordo inclúe actuacións conxuntas en distintos eidos
02 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xa hai data para a rúbrica do irmanamento entre A Estrada e Rianxo. Será o 19 de outubro, nunha elección que está tinxida de simbolismo. Foi nese día no 1884 cando naceu Virxinia Pereira Renda e como aquel de 1912 cando esta estradense casou co rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na antiga igrexa da Estrada. A sinatura chegará tras aprobar ambos concellos en pleno esa unión municipal durante o mes de setembro.
A proposta chegará a debate plenario na Estrada mañá xoves, co ditame favorable da comisión informativa de Cultura e Deportes. Nela, todos os grupos políticos votaron a favor de formular conxuntamente con Concello de Rianxo o protocolo de irmanamento que será asinado o 19 de outubro. Está pendente concretar para esa data o lugar, coa proposta inicial da Praza de Galicia da Estrada. Na súa contorna tivo lugar fai 114 anos o enlace matrimonial que une tamén de forma simbólica a estes dos municipios. Virxinia Pereira e Castelao festexaron as súas nupcias no edificio que outrora servía de sede para o Casino estradense. Aos pés deste inmoble foi onde quedou colocada en xuño a escultura que reúne á familia Castelao-Pereira.
Desde o Concello da Estrada apuntaban onte como idóneo o marco temporal para a sinatura xa que neste 2026 conmemora o Ano Cultural Virxinia Pereira e despois de que toda Galicia celebrará o 2025 como Ano Castelao. Neste 2026 é tamén 0 140 aniversario do nacemento en Rianxo de Castelao. O irmanamento entre ambos municipios non nace dunha afinidade xenérica, destacan desde o goberno estradense, senón dun vínculo biográfico e patrimonial concreto, documentado e vivo. Formalizalo agora consolida unha cooperación xa iniciada meses atrás, honra a memoria dunha estradense esencial para a cultura galega e dota a ambos concellos dun marco estable de traballo común, sinalan.
En espera de concretar o protocolo final do irmanamento, desde o Concello da Estrada propoñen un programa marco de cooperación estable con Rianxo articulado sobre catro eixos. Por un lado, memoria e patrimonio, con itinerancia recíproca de exposicións, comezando por Dez voltas na vida, que agora partirá a Estrada cara Rianxo, así como sinalización cruzada dos lugares de memoria da familia Pereira-Castelao en ambas vilas e un roteiro conxunto. Outro eixo, o educativo, prevé fixar un programa anual de intercambio escolar entre centros de ensino de ambos municipios arredor das figuras de Virxinia Pereira e Castelao, así como un calendario escolar compartido e participación cruzada nas actividades escénicas municipais.
Un terceiro eixo versa sobre creación e investigación, con convocatoria bianual conxunta mediante premio ou bolsa sobre o galeguismo cultural, con especial atención ao papel das mulleres na conservación e transmisión do patrimonio. Por último, haberá un carto eixo de carácter institucional e veciñal. Prevé presenza recíproca nas festas e conmemoración principais de ambas vilas, así como un encontro alternante de corporacións e tecido asociativo, e bautizar un espazo público vinculado a irmandade.