A Estrada anuncia unha nova fase de asfaltados na zona rural e no casco urbano tras rematar 75 accións

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

concello da Estrada

O Concello da Estrada vén de anunciar unha nova fase de asfaltados tras dar por rematada a que estaba en curso. Segundo destacan desde o Concello, a fase do plan de asfaltados que se acaba de completar no rural, cun investimento superior aos dous millóns de euros, permitiu mellorar 75 vías municipais de 33 parroquias durante o último ano e executar un plan de bacheos en preto de 200 infraestruturas.

Con máis de 2.000 quilómetros de estradas de titularidade municipal, o executivo local continúa desenvolvendo este plan por fases para avanzar na mellora das infraestruturas de comunicación dun dos municipios con maior extensión rural de Galicia.

Onte mesmo concluíron as obras dun paquete por importe próximo aos 800.000 euros, unha campaña que deixa arranxadas 40 vías en 23 parroquias: Toedo (Toedo, Cerrada das Carballas, O Soutiño, O Soutiño-Igrexa e A Carballa), San Pedro de Ancorados (O Foxo e O Foxo-Penalba), Callobre (Ponteliñares-Moreira (Devesa) e Ponteliñares), Guimarei (A Torrevella), Santo André de Vea (Trazaríns-Cardelle e Cardelle), San Xiao de Vea (Vilanova), San Tomé de Ancorados (Igrexa), Aguións (A Raxeira, O Codeso e A Frieira), Vinseiro (Vis de Correa), Matalobos (Guendos e Saiñas), Remesar (Aldea Grande e A Rabeta), Santeles (Viasque, Sar e Fondevila), Berres (Altiño de Berres), Orazo (Riomao-Vendexa e Vendexa), Arnois (Gundián), Loimil (Loimil (Igrexa), Rubín (Bemposta), Cora (Cora), Lagartóns (Os Tatos e O Viso), Codeseda (Barro e Vilaboa), Nigoi (O Pazo), San Miguel de Castro (Igrexa) e San Miguel de Barcala (Negreira e Cimadevila).

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, avanzou ademais que o goberno ten xa lista e encamiñada a programación dunha nova fase, que se dará a coñecer nos próximos días e para a que contará cun investimento aínda maior que no último capítulo de asfaltados rurais, se ben puntualizou que tamén se deseñou un plan específico para vías do casco urbano.

Louzao incidiu en que a mellora da rede viaria seguirá sendo unha das prioridades do mandato. Recoñeceu que son moitas as necesidades nun rural tan extenso como o do Concello da Estrada e agradeceu a paciencia e comprensión dos veciños e veciñas á hora de agardar que chegue a quenda das melloras que máis lle interesan en cada caso. «Temos que ir por fases e programando en función das necesidades e prioridades, pero todas chegarán», sinalou.