A familia Pereira-Castelao pasea pola Estrada nunha obra de Acisclo Novo
A ESTRADA
Unha escultura fai xustiza con Virxinia nunha data e un lugar simbólicos
28 jun 2026 . Actualizado a las 21:30 h.A Estrada fixo xustiza este domingo con Virxinia Pereira como defensora do legado do seu home, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; como loitadora polos mesmos ideais e como «muller que estivo sempre á par, nunca detrás, de Castelao», tal e como reivindicou o alcalde estradense, Gonzalo Louzao. Desde agora, un grupo escultórico do autor Acisclo Novo producido por Mariola M. Andura, inmortaliza en bronce á familia Pereira-Castelao na Praza de Galicia. Virxinia, Alfonso e o seu fillo Chucho, que faleceu con só 14 anos de idade, pasean pola praza a tamaño natural —Castelao medía case dous metros— nunha peza de 250 quilos.
Segundo destacou na inauguración o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, de todas as esculturas que se lle teñen dedicado ao galeguista desde o ano 1951 —firmadas por autores como Asorey, Buciños ou Leiro e colocadas en lugares como Bos Aires, Madrid, Baracaldo ou Rianxo—, a da Estrada é a primeira concibida coma un conxunto escultórico «desa familia destrozada pola morte do fillo e por perder a guerra contra a inxustiza e a intolerancia e a única que incorpora a Virxinia como a muller que apoia e acompaña a Castelao no exilio para seguir loitando xuntos contra a intolerancia».
O autor da obra —que aproveitou a presenza de autoridades para reivindicar unha escultura de Castelao en Nova Iorque— destacou que «máis que centrarse nos detalles», o conxunto escultórico busca transmitir o amor da familia.
Nin o lugar de colocación nin a data elixida foron casuais. A inauguración coincidiu co 90 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrado un domingo 28 de xuño do ano 1936, e co 42 aniversario do traslado dos restos mortais de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres, como lembrou o conselleiro de Cultura, José López. O espazo no que se erixe foi ademais o lugar elixido por Castelao para pechar o 27 de xuño de 1936 a campaña polo Estatuto cun mitin no que unha avioneta sobrevoou a praza espallando folletos a favor do si. «Seguramente, xunto co do seu casamento, foi un dos días máis felices da vida de Castelao», destacou Miguel Anxo Seixas.
A praza na que hoxe loce a estatua foi tamén escenario onde mocearon Castelao e Virxinia e testemuña do seu casamento: a voda foi na antiga igrexa da Estrada e o xantar no Recreo Cultural, do que era presidente o pai de Virxinia. Evidencia dos bos momentos pasados por Castelao na Estrada é a Carta aos Estradenses que publicou en 1941 na revista Unión Estradense, unha peza de fonda carga emocional na que lembra a fonte da praza na que agora está o grupo escultórico. «Apaguei a miña sede na fonte da praza, onde corre a i-auga mellor do mundo», di o autor. O texto foi gravado sobre un mapa de Galicia e colocado nunha peaña de pedra a carón da escultura e da propia fonte.
A concorrida inauguración de hoxe reflectiu o consenso social e político sobre a colocación desta escultura que mesmo era unha débeda. Ao acto asistiron, ademais das autoridades citadas, o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; Suso Domínguez como representante da Editorial Galaxia, os reponsables do Partido Galeguista, o director xeral da Lingua, Valentín García; familiares de Virxinia Pereira ou herdeiros dos dereitos da obra de Castelao, entre outros persoeiros e un bo número de veciños.