A Estrada amplía o servizo de buses gratuítos para asistir á Rapa das Bestas de Sabucedo

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

concello

Confirman a cesión á parroquia da escultura de Vilaverde

02 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello da Estrada acaba de facer públicos os horarios dos autobuses gratuítos que comunicarán o casco urbano estradense coa parroquia de Sabucedo durante os días de celebración da Rapa das Bestas, na primeira fin de semana de xullo.

O venres 3 de xullo sairá un bus desde A Estrada (Praza do Concello) cara Sabucedo ás 21.00 horas. De regreso haberá dous autobuses: un á unha da madrugada e outro ás cinco.

O sábado 4 de xullo sairá da Estrada un autocar ás 16.30 horas e outro ás 22.30. Os de regreso serán ás 21.30 horas, á 1.00 da madrugada (a novidade deste ano) e ás 5.00 da mañá. O domingo haberá bus desde o casco urbano ás 11.00 horas, con regreso ás 17.00.

Todos os buses de ida sairán da Praza do Concello da Estrada e pararán sempre (á ida e á volta) na Consolación e Codeseda.

Onte luns abriuse a venda en liña de entradas para os curros do sábado ás 19.00 horas e do domingo e o luns ás 12.00. A organización pon á venda unhas 1.300 localidades para cada curro a un prezo de 15 euros para adultos e 10 para nenos (gratis os menores de 4 anos). Para o luns os prezos son de 10 e 5 euros. As entradas só se poderán comprar na web. Non haberá venda en portelo.

Por outra banda, o Concello confirmou a cesión á asociación Rapa das Bestas da escultura dos cabalos de Manuel Vilaverde que estaba na Farola antes da reforma. Recolocarase na parroquia, no cruce da estrada provincial coa vía de acceso ao teleclube. A obra terá que ser reparada, xa que na súa retirada sufre unha rotura na pata dun dos cabalos.

Dezanove grupos poñeranlle a banda sonora á Rapa deste ano

Un total de dezanove grupos, orquestras ou pinchadiscos poñeranlle este ano banda sonora á Rapa das Bestas de Sabucedo, que se celebrará na parroquia estradense dende o venres 3 ao domingo 5 de xullo.

O programa completo foi presentado este luns por dous dos integrantes da asociación organizadora, Iván Sanmartín e José F. Parada, acompañados polo concelleiro de Festas, Óscar Durán.

O apartado musical da Rapa abrirase o venres 3, cun pasarrúas a partir das 20.00 horas a cargo do grupo Tralha da Terra de Montes. Ese mesmo día, ás 22.30 horas, terá lugar no campo da festa de Sabucedo o festival Rapasons, coa actuación de A Banda das Crechas, Swingers do Swing, Gin Toni’s e La Sincereza Pinchacumbias.

O sábado 4 Tiruleque ofrecerá unha actuación ás 14.30 horas na Fonte da parroquia, onde ás 17.00 actuarán Os Tres Pesos. Ese día, xusto antes da primeira rapa, ás 18.30 horas, Tequexetélder ofrecerá o seu espectáculo de danza e música tradicional no curro. Ás 21.00 actuará Mekánika Rolling Band e, a partir das 23.00 horas, haberá verbena popular no Campo do Medio coas orquestras Olympus e América SL.

O domingo 5 de xullo actuará Laura Lamontagne no curro, antes da segunda rapa. A artista ofrecerá ás 11.30 horas a súa particular mestura de música tradicional e electrónica. Ás 14.00 horas tomará o relevo musical Festicultores Troupe e ás 17.00 horas haberá un festival no Palco da Fonte coas Pandereteiras do Val de Quireza, Cé Orquestra Pantasma e o artista galego-cubano Reynier Aldana. Desde as 23.00 horas haberá verbena popular no Campo do Medio con La Mecánica e o dúo Prisma.

O menú musical complétase con Airiños de Caldelas, que actuarán nos tres curros do sábado, domingo e luns e ofrecerán pasarrúas durante toda a fin de semana.