A Estrada presume de torneiros coa exposición «Unha vida en madeira»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

concello

A mostra é obra dos alumnos de Artes do IES García Barros e abre o 5 de xuño

30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala de exposicións Abanca da Estrada acollerá a vindeira semana unha exposición con dobre mérito. Leva por título Unha vida en madeira e constitúe un retrato e unha homenaxe ao oficio dos torneiros de Berres. Por se iso non fora suficiente, a mostra parte da comunidade educativa local. Foron as alumnas do Bacharelato de Artes do IES Manuel García Barros as que sacaron adiante o proxecto, exercendo de fotógrafas, entrevistadoras e encargándose tamén da montaxe da mostra.

A exposición xestouse no marco do programa Fotografía en curso e contou coa colaboración da fotógrafa estradense Ariadna Silva e o respaldo da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As fotografías recollen non só os espazos e as ferramentas dos torneiros de Berres, senón tamén as historias, os xestos e a memoria das persoas retratadas.

O proxecto céntrase en Xosé Ruibal, Pepe de Amparo; Manuel Ferradáns e Xesús Pereiras, Pavero.

A exposición culmina un proxecto fotográfico de Nerea Ares Antolínez, Susana Barreiro Sesar, Irene Janire Blanco Villanueva, Marta Correa Iglesias, Noa de Oliveira Romero, Cloe Ferreiro Freitas, Luisana Paola García Méndez, Evelling Germinari Amil, Iván Hermida Baloira, Noelia Lorenzo Silva, Aldara Mato González, Violeta Núñez López, Clara Rey Freire e Samantha Rodríguez García.

As alumnas contaron co acompañamento dos docentes Xurxo Ínsua e Alfonso Villar, ademais de coa propia Ariadna Silva Fernández.

As alumnas, acompañadas polo profesor Xurxo Ínsua, a fotógrafa Ariadna Silva e a concelleira Amalia Goldar presentaron onte o proxecto nunha rolda de prensa na que detallaron os pasos desta aventura a punto de rematar.

Segundo explicaron, o proxecto comezou cun taller de manexo da cámara a cargo de Ariadna Silva e unha investigación en profundidade sobre o traballo dos torneiros. Despois viñeron ás visitas aos talleres, que os seus propietarios abriron xenerosamente.

De 1.000 fotos a 25

De aí saíron mil fotos que obrigaron ás estudantes a facer un delicado traballo de descarte. As 25 fotos seleccionadas forman parte da exposición que abrirá as súas portas o venres da vindeira semana, día 5 de xuño, ás 19.00 horas. Poderá visitarse até o día 19 de xuño na sala Abanca.

Esta non é a primeira vez que o IES García Barros remata o curso cunha exposición que reivindica o valor do patrimonio local.

O ano pasado o tema de traballo foran os palcos das festas espallados polas aldeas e os alumnos do instituto fixeron unha impagable labor de catalogación que, tamén daquela, rematou cunha exposición aberta ao público para completar a experiencia.