Na aldea estradense pechouse onte unha nova edición da feira con exposición de produtos, música e moitas actividades
04 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A aldea de Terreboredo, na parroquia estradense de Couso, puxo onte fin a unha nova fin de semana chea de actividades. A feira de produtos O Mar en Terra encheu de novo o lugar de música e de actividades nunha celebración impulsada por Namoreiras que este ano está a cargo da recente asociación veciñal e cultural Fonte Barreira.
O obxectivo é, como o seu nome indica, levar o mar e a cultura mariñeira ao interior do rural. Unha mestura exitosa que inclúe a venda de diferentes produtos, tanto agroalimentarios como artesáns.
Ao longo de dous días sucedéronse unha chea de actos que onte arrancaban nesta derradeira xornada coa asociación Setefoghas de Rianxo baixo unha carpa, a cuberto dalgún que outro chuvasco. A feira ofrecía tamén a veciños e visitantes a posibilidade de xantar no furancho de Namoreiras ou coa polbeiría Portas. Sen esquecer os máis cativos que puideron gozar dalgún actividade este fin de semana pensada para eles.
Onte estaban previstas as actuacións das pandeireteiras Rebolos de Terreboredo e Lilianas de Nigoi, así como un concerto comentado, Fárou -Cantigas Novas na Memoria.
A celebración pechouse con cantos de taberna no furancho co grupo De Tazas.
Ao longo da fin de semana sucedéronse ás presentacións de libros como o de O Campelo a Carreirón. Guía da toponimia da Illa de Arousa, ou a de O navegar da memoria con Os Galos de Bueu pasando pola da revista Nova Ardentía ou o volume de Plantas medicinais e remedios curativos de etnobotánica, entre outras iniciativas.
Un amplo programa que levou ata a aldea de Terreboredo a público de todas as idades que gozou da música, da gastronomía e na cultura nun interior que, de novo, esta fin de semana se achegou tamén ao mar estreitando lazos entre territorios.