Pechou o Ano Cultural Avelina Valladares cunha ofrenda floral
20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O monólito na honra de Avelina Valladares que decora a rúa da Cultura dende o ano 2001, creado polo artista cruceño Paco Lareo, foi o escenario do acto de clausura do Ano Cultural dedicado á poeta de Vilancosta. O peche das actividades conmemorativas foi unha ofrenda floral na escultura na que participou Mari Carmen Ferreirós, unha das herdeiras da familia Valladares e protectora do seu legado, acompañada polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e as edís Lucía Seoane e Amalia Goldar.
O relevo de Valladares para o 2026 tamén será feminino, apostando no vindeiro ano por divulgar a figura de Virxinia Pereira. Así o anunciou Louzao, quen fiou esta elección aos actos polo 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, esposo da estradense. «É unha continuidade do universo Castelao, que naceu en Rianxo e viviu moitos anos na emigración en Bos Aires. Porén, foi no concello da Estrada no que pasou máis tempo despois de Rianxo e onde compartiu a súa vida con Virxinia Pereira», declarou.
O rexedor fixo especial fincapé na importancia desta muller na sociedade, na «ideoloxía e sentimento galego, sendo grandes defensores do idioma». Neste senso, manifestou que Virxinia Pereira foi «unha das mulleres máis importantes da Estrada», presumindo do «pasado histórico e brillante» do concello.
Homenaxe
Volvendo á de Vilancosta, ademais da ofrenda floral o Concello instalará nos vindeiros días unha placa conmemorativa que recolla o 2025 coma Ano Cultural Avelina Valladares. Louzao destacou a súa figura, sinalando o seu rexurdimento «polo seu valor como muller e escritora», aproveitando o 200 aniversario do seu nacemento.
«Apostou por Berres, pola Estrada e por Vilancosta como nunca. Unha das grandes mulleres de Galicia que nos fai sentir moi orgullosos como estradenses», subliñou o rexedor, que agradeceu o apoio da familia neste ano de actos que, entre outros, levaron o nome e a obra de Avelina Valladares a diferentes ámbitos da sociedade estradense e galega coa publicación da súa poesía, un musical e xornadas divulgativas.
«Seguro que esta muller sen rostro, da que no existe retrato, xa nos imaxinamos como podería ser porque coñecémola máis grazas a este Ano Cultural», asegurou Louzao, quen lembrou a xustiza que supón enxalzar o enorme valor da súa obra a pesares de pasar á historia á sombra do seu irmán, Marcial Valladares.
A última en tomar a palabra foi Mari Carmen Ferreirós, quen congratulou ao pobo estradense «por este ano cheo de actividades, a cada cal máis fermosa e interesante». Concluíu cunha reflexión: «a modestia de Avelina impediulle brillar no seu tempo como merecía, pero grazas ao pobo da Estrada este ano brillou con forza».