Máis dun cento de artistas da Estrada e Badaxoz actuarán o día 17 no Festival Folclórico do Salmón

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

Tequexetéldere estreará dúas novas pezas neste espectáculo

08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro das actividades programadas con motivo da Festa do Salmón, a agrupación local Tequexetéldere celebrará o sábado 17 de maio unha nova edición do Festival Folclórico do Salmón. Será no teatro Principal ás 20.00 horas e poñerá sobre o escenario a máis dun cento de artistas.

Nesta ocasión, o grupo convidado, Caramancho, chega desde a localidade de Don Benito (Badaxoz). O grupo, que conta cun rico vestiario, actuará na primeira parte do espectáculo co traxe de gala da provincia de Cáceres e na segunda cun traxe de Castuera, un pobo de Badaxoz próximo a Don Benito. A rondalla que acompaña ao corpo de baile lucirá o traxe de gala de Don Benito. Os bailes que ofrecerán son tamén das provincias de Cáceres e Badaxoz, facendo un percorrido polo folclore estremeño.

O festival foi presentado este mércores polo xerente de Tequexetéldere, José Garrido, e a concelleira de Cultura, Lucía Seoane.

Garrido avanzou que Tequexetéldere protagonizará un repertorio con carballesas, xotas e muiñeiras, estrenado dúas pezas: a Muiñeira da Fonsagrada e a Xota e Muiñeira de Zobra, cunha primeira parte con vestiario de festa e unha segunda parte con vestiario de faena.

A Moliñeira da Fonsagrada era un baile que se facía sobre todo nas polavilas, que eran as xuntanzas en torno ao baile que se estilaban nesta parte oriental de Galicia. Longas filas de bailadores realizaban os seus puntos e voltas ao son da música dos gaiteiros das vilas de Fonsagrada.

Coa Xota e Muiñeira de Zobra Tequexetéldere levará a escena a tradición das ruadas, que era como popularmente se coñecían os bailes soltos nas comarcas do Deza e Tabeirós-Montes. Concretamente amosarase a forma de danzar recollida e investigada no ano 1998 en Zobra (Lalín).

Convites para o espectáculo

O espectáculo terá unha duración aproximada dunha hora e dividirase en dúas partes. A entrada é gratis pero con invitación. Os convites para poder asistir xa se poden recoller no departamento de Cultura do Concello.