A Estrada doou a súa voz para impulsar o galego nos espazos dixitais

D. C. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

20 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A aula de informática do Conservatorio da Estrada foi o escenario dunha novidosa sesión de gravación para que o galego estea presente nas novas ferramentas dixitais. O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago (USC) ten como obxectivo que a lingua galega sexa dispoñible en sistemas de síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de texto ou correctores lingüísticos automáticos.

A sociedade estradense non fallou á súa cita co galego e participou nesta xornada dende primeira hora da mañá. De feito, os primeiros en doar a súa voz foron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Xunto a eles participaron diferentes concelleiros e traballadores municipais.

Pero non foron os únicos. Máis dun cento de veciños foron partícipes da iniciativa e tamén diferentes colectivos sociais e culturais como Radio Estrada, a Asociación Recuncho da Lingua, a Asociación de Mulleres Avelina Valladares, a Asociación de Mulleres de San Miguel de Castro, a Banda Municipal da Estrada, a Escola Municipal de Artes Escénicas, a Fundación Cultural, o Conservatorio Profesional de Música ou a Coral Polifónica de Berres, entro outras. Valentín García explicou que son máis de 6.000 as persoas que doaron a súa voz a través da web www.doagalego.nos.gal.

Compromiso co idioma

A Estrada foi un dos 16 concellos de toda Galicia que foron seleccionados polo Instituto da Lingua Galega e a Secretaría Xeral. «Estou moi satisfeito da resposta que está a dar a nosa veciñanza, con ducias de veciños e veciñas que participaron a título individual, mais tamén con entidades culturais e sociais que se apuntaron e colaboraron de xeito altruísta con esta iniciativa. Isto demostra que A Estrada é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega», sinalou Gonzalo Louzao. Por outra banda, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, puxo en valor a importancia de que tamén quede rexistrado o acento e a forma de falar propia da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, con particularidades como a gheada.