A Estrada descobre unha Rosalía capaz de bautizar aos míticos Rolling Stones

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Todos os colexios locais participan no novo videoclip en homenaxe á autora

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada volve render tributo á escritora Rosalía de Castro cun vídeo institucional. Nel participan os alumnos de todos os colexios de educación infantil e primaria da Estrada, que poñen voz a un tema do grupo local A Banda da Loba que homenaxea á autora na súa faceta máis moderna e que a imaxina mesmo como inspiradora do bautismo dos míticos Rolling Stones.

O punto de partida do vídeo é o poema rosaliano Pelouro que roda, incluído na obra Follas Novas e referido ao desexo e ao pracer. O texto, ademais de ser suxerente, evidencia o vangardista e avanzada que foi Rosalía para o seu tempo, alonxándoa dos tópicos que se transmitiron sobre ela durante moitos anos. Por esta razón, a composición foi elixida polo grupo estradense A Banda da Loba, que ademais xoga a imaxinar que Pelouro que roda (1880) podería ter sido a inspiración do Like a rolling stone de Bob Dylan (1965) e ata do nome da mítica banda Rolling Stones. Pura imaxinación, pero a partir de aí A Banda da Loba crea un tema que navega polo funky e o soul. A canción foi gravada cunha sección de ventos do grupo Rebeldía e incorpora por veces a melodía de Like a rolling stone a xeito de broma musical.

Sobre esta peza que testemuña o talento local, foi creado o videoclip institucional co que o Concello da Estrada conmemora o Día de Rosalía.

Realizado por Lucas Terceiro e producido por Paula Cereixo —que acaban de poñer a andar o selo audiovisual Tres Ínsuas—, o videoclip bota man dos máis novos para poñerlle cara á música da Banda da Loba. Rapazas de todos os colexios da Estrada imitan micrófono en man ás lobas do grupo estradense, mentres outros nenos e nenas simulan o conxunto de ventos e o resto dos rapaces actúan como entregado público, cantando e aplaudindo o tema.

A produtora Tres Ínsuas organizou pequenos concertos en todos os colexios da Estrada para acadar o material co que se montou o videoclip final.

O traballo foi presentado onte no transcurso dun acto no teatro Principal que se abriu cun recital de poemas a cargo de rapaces estradenses e no que tamén estivo presente o grupo A Banda da Loba, que puxo o broche final ao acto co que se conmemorou o 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que se celebra hoxe venres.

O videoclip, que está dispoñible na canle de YouTube do Concello da Estrada, xa circula por redes sociais e grupos de WhatsApp para difundir a un tempo a obra de Rosalía e o talento estradense.

Recital e Caldo de Gloria na Bandeira e acto en Rodeiro

Silleda celebra a data facendo soar hoxe poemas musicalizados de Rosalía dende os altavoces da casa consistorial. As redes sociais do Concello publicarán contido especial. Ademais hoxe a partir das 20.00 horas no Centro Cultural Vista Alegre farase un recital que rematará cunha degustación do Caldo de Gloria. No Centro Cultural de Rodeiro hoxe ás 18.30 presentarase o libro Leliña, entregaranse premios e haberá exposición de fotos.