Mimela, o obradoiro García de Riobó e o Dígocho eu, premios San Martiño

A ESTRADA

Os galardóns á promoción do galego entregaranse o 15 de novembro
26 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Estrada vén de fallar a trixésimo segunda edición dos premios San Martiño de Normalización Lingüística, que recoñecerán o traballo da pastelería Mimela, o programa da TVG Dígocho eu e o obradoiro de gaitas García de Riobó.
O padroado, constituído polo edil de Cultura, Juan Constenla, Iván Sanmartín Eirín, María Sanmartín Ruzo, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas e Xosé Lueiro Lemos acordou por unanimidade a concesión destes galardóns á promoción da lingua, en tres modalidades distintas.
Máis ca doces
O premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes foi outorgado á Pastelería Mimela pola súa defensa do idioma na Estrada e comarca. O negocio, xestionado por Antonio Sanmartín Chao, é unha empresa comprometida, dende que abriu as súas portas no ano 1985, co uso do galego, tanto na súa proxección publicitaria coma na normalización da terminoloxía pasteleira. Por esta razón o negocio xa foi recoñecido tamén recentemento co premio IES-G, outorgado polo alumnado do IES Número 1 polo seu apoio e promoción da lingua galega.
Paralelamente, Mimela é unha empresa significada no uso de produtos naturais, cun proceso de produción artesanal e ecoloxicamente sostible. Un compromiso que se proxecta cara á compra de produtos locais e de materia prima cultivada en países respectuosos co medio ambiente e cos dereitos laborais das persoas que interveñen na cadea de subministro.
Estímulo para a mocidade
Pola súa parte, o programa da TVG Dígocho eu, comandado por Esther Estévez e o seu equipo, recibiu o galardón á normalización no ámbito galego por achegarlle á mocidade as pautas normativas do galego, e por facelo dun xeito dinámico e entretido, converténdose nun estímulo para a participación lingüística da xente nova e de toda a comunidade educativa galega. Un traballo que realizan a través das novas tecnoloxías e as redes sociais, rachando con moitos dos prexuízos que en materia lingüística e cultural se lle teñen imputado á nosa lingua e que vén sementando na mocidade, desde que se inaugurou no ano 2020.
Finalmente, o premio á normalización a toda unha vida recae no obradoiro de gaitas García de Riobó, o cal recoñece o traballo dunha estirpe de artesáns da gaita que remonta a súa orixe a finais do século XVIII cando Joaquín García Rey o puxo en marcha. Despois de máis de 200 anos promovendo a lingua e a música tradicional galega, coa xubilación de Joaquín Espiño o obradoiro García de Riobó pecha as portas para sempre. Moitos dos instrumentos saídos deste taller chegaron a mans dos principais gaiteiros do país e espalláronse pola Galicia emigrante, convertendo esta marca artesá nunha grande transmisora de cultura e de saber musical galego.
O acto de entrega dos premios San Martiño á normalización do galego terá lugar o vindeiro día 15 de novembro nun acto aberto ao público que se celebrará a partir das 20.30 horas no Teatro Principal da Estrada.
«Non hai que ter medo a falar mal o galego: todo o galego está ben falado»
Esther Estévez é case unha autoridade no que se refire ao uso do galego. As indicacións que da no seu aplaudido Dígocho eu fan máis polo galego que moitos plans de normalización. A presentadora declárase feliz de que a súa contribución ao galego sexa merecedora dun premio San Martiño. «Estamos súper contentos. Recibir un premio ou calquera tipo de cariño sempre nos da ánimos para seguir adiante co proxecto», conta.
Esther Estévez estivo hai pouco na Estrada nun dos Parladoiros celebrados no Principal. Á presentadora gústalle ver o lado positivo da vida e, aínda que recoñece que o galego segue precisando dun empurrón, sobre todo en «certas xeracións», asegura que «imos por bo camiño». «Ver como a xuventude se engancha ao noso programa é moi motivador», conta.
«Moita xente cre que eu son a policía do galego. Segue habendo moito medo a falar mal. Sobre todo os neofalantes, que son os que mellor falan porque aprenderon de cero, e a xente maior que ve que non fala coma na televisión, pero todo o galego está ben falado», aclara Estévez.
«Non teño mérito ningún. Eu só traballei 47 anos facendo gaitas»
Joaquín Espiño non entende por que o xurado tivo a ben concederlle o premio San Martiño de normalización lingüística na categoría de Toda unha vida. «Eu non teño mérito ningún. O único que fixen foi traballar facendo gaitas 47 anos da miña vida», comenta. O premio pretende recoñecer o traballo dunha estirpe de artesáns que durante máis de 200 anos promoveu a lingua e a música tradicional galega a través do seu obradoiro de fabricación de gaitas. «O obradoiro é moi antigo. Iso si. Pero, ¿que fixen eu? Traballar toda a vida facendo gaitas. Non fixen outra cousa. Se as fixen ben ou mal hai que preguntarllo ós clientes. Algúns volveron e outros non», conta con modestia.
Joaquín Espiño cumpre 65 anos o mes que vén. Coa súa xubilación pecha o lendario obradoiro dos García de Riobó. A noticia, que se publicou o martes na prensa, convertiu a Joaquín en centro dun despregue mediático que o ten sobrepasado. «Estiveron aquí a TVG, Tele 5, a TVG outra vez e mañá (por hoxe) vén a Sexta», conta sorprendido. «Como siga así aínda non me vai dar tempo de rematar a gaita que teño a medias», di con retranca.
«Eu son da Xeración Xabarín: ver debuxos en galego fíxome amar a miña lingua»
Para Antonio Sanmartín, que se recoñeza o seu labor polo galego «é unha ilusión case tan grande como que me toque o Euromillón». O empresario estradense emprega o galego desde sempre en todas as súas comunicacións. Tanto para dirixirse ao cliente no trato directo na tenda como na súa cartelería, nas rotulacións promocionais ou nas redes sociais. Na web que está preparando o galego tamén será o vehículo de comunicación. «A min o galego sáeme de forma natural, pero faime ilusión que se recoñeza esta aposta polo galego. Eu son da Xeración Xabarín. Ver debuxos en galego fíxome amar a miña lingua. É unha mágoa que agora non haxa debuxos de moda en galego. Se a Patrulla Canina falara galego... Sempre lle digo aos mozos que eles son o futuro da lingua. Se o empregan nas súas canles de YouTube e nas súas redes sociais poden chegar a outros», explica o reposteiro.
«Eu fago o que podo para que non se perda ese contacto coa lingua. Sei que é unha agulla nun palleiro, pero é algo. Canto máis se fale o galego, mellor para que non se perda», sentencia Antonio Sanmartín.