O patrimonio estradense que Castelao fixo inmortal e eterno

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel souto

Algúns dos elementos debuxados polo galeguista esmorecen

23 oct 2023 . Actualizado a las 20:41 h.

Coincidindo co aniversario do nacemento da estradense Virxinia Pereira e da súa voda con Castelao o 19 de outubro, a Plataforma Vía Galega e a asociación cultural Vagalumes levaron a cabo este sábado un roteiro pola Estrada lembrando a presenza do patrimonio local na obra do galeguista.

No longo período que vai desde 1907 a 1936, Castelao foi descubrindo valiosos elementos do rico patrimonio estradense como cruceiros, pazos, paisaxes ou igrexas románicas. E mesmo a Estela de Ouzande. Todos estes elementos fornecérono de imaxes que despois empregou na súa extensa obra mutidisciplinar.

Pontes, cruceiros e pazos da Estrada aparecen en augadas, viñetas ou relatos do galeguista perfectamente recoñecibles.

Todo este legado deu orixe no ano 2011, coincidindo co centenario do casamento de Castelao e Virxinia, ao deseño dun completo roteiro que repasa a vida estradense de Castelao, que no ano 1986 foi nomeado Fillo adoptivo do Concello da Estrada.

Sobre os seus paso volveron onte as persoas que participaron no roteiro promovido por Vagalumes e Vía Galega.

O itinerario comezou no Pazo de Oca, que inspirou entre outras obras o texto de Castelao titulado A Marquesiña. A ruta continuou por outros elementos patrimoniais que tamén aparecen nas obras artísticas de Castelao, como a ponte de Liñares, que aparece de fondo nalgunhas viñetas, perfectamente recoñecible por faltarlle xa daquela algunha pedra e que hoxe vai camiño de esmorecer.

A comitiva visitou tamén o cruceiro de Ouzamerxe, recollido por Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza e que agora mesmo só conserva fuste e base, pendente dunha restauración que xa ten respaldo económico pero non se acaba de materializar. A igrexa de Guimarei e a Torre de Guimarei —hoxe máis ruinosa ca nunca— tamén foron visitadas antes de rematar a viaxe na casa de Virxinia na rúa Irmáns Valladares.