O talento emerxente do panorama musical galego será protagonista na Estrada co Son dos Arrieiros

A ESTRADA

Doce artistas participarán na terceira edición deste certame de balde que se celebra os días 22 e 23 de setembro
02 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O venres 22 e sábado 23 de setembro A Estrada acolle a terceira edición de O Son dos Arrieiros un festival de balde cunha filosofía moi clara: dar protagonismo ás novas bandas do circuíto musical galego. Pouco a pouco este certame fíxose un oco na vila e no calendario autonómico, sendo atractivo para o público pola súa ubicación e por permitir coñecer a novos artistas galegos nun festival de mediano formato. Aínda que polo momento se descoñecen os horarios, descubríronse os doce grupos que farán vibrar aos estradenses e a todos aqueles que se acheguen para gozar coa música en vivo.
Os cabezas de cartel son Boyanka Kostova e Malandrómeda, cuxas actuacións serán as últimas dos dous días de festival. O dúo compostelán, formado por Cibrán García e Manuel González (Chicho), logrou converterse nun referente do panorama musical galego combinando os ritmos más urbanos coa música tradicional. Unha fusión que deixa para a historia temas coma Muinheira de interior ou Diego Tristán, no que gaban as andanzas do xenial dianteiro do Deportivo.
Malandrómeda dará na Estrada o último concerto da súa xira do seu vinte aniversario. O dúo compostelán, alma máter do hip-hop galaico, ven de sacar no 2022 o seu último disco, Rapeiradas, e é coñecido polo público por temas que son himnos como a súa «cumbia malandra», Bótalle caldo.
Acompañan a estas bandas consolidadas novas formacións emerxentes coma Playa Desmayo, Babykatze, Elba, Maelfield, Hydn, Djow, Rayo Taser, Guezos e Carolina Rubiosa. E ademais non podía faltar o set de Señora DJ, unha habitual no Son dos Arrieiros.
Propostas novidosas
A xestora de Dotbeat! —promotora do evento—, Patricia Hermida, destacou o «incríble» nivel musical del festival, poñendo en valor a aposta polas novas propostas do circuito galego. Aínda que non é definitivo e pode haber algún troco para outros concertos, os principais e a maioría do evento será na Praza da Feira. As actuación serán o venres pola tarde e noite e o sábado a partir das 13.00 horas coa sesión vermú. A distribución por días e horarios darase a coñecer nas próximas semanas.
Que unha meirande parte do festival sexa de día non é casualidade, tratase doutro aspecto que valoraron dende a organización, fomentando deste xeito un aumento da vida no pobo, nos seus comercios e locais de hostalería e animando ás familias a vir á Estrada.
Por outra parte, Hermida lembrou a importancia e o éxito que están cobrando os DJ, cun destacado papel da música electrónica nos certames galegos. Algo que non podería faltar no Son dos Arrieiros coa xa mencionada Señora DJ.
Produto galego
Na presentación do festival participou tamén o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Marta Mariño. O edil afirmou que é un festival «consolidado» na vila e destacou o «foco dinamizador e social da música do noso país». Detallou que O Son dos Arrieiros naceu no 2021 cunha filosofía clara e cun xen diferencial para converterse nun escaparate para os artistas galegos. Un xeito de dar a coñecer a novos grupos como protagonistas dunha cita destas características.
Do mesmo xeito, insistiu no «impulso socioeconómico» que supón para o pobo. A representante do goberno autonómico lembrou que tamén é un certame igualitario, posto que o 68 % das persoas que participan nel son mulleres. «O Son dos Arrieiros vai máis alá, pon os escenarios a disposición dos artistas que teñen máis dificultades para acceder aos grandes festivais», sinalou Mariño.
Foi o primeiro festival de Galicia na pandemia no que o público puido estar de pé
Aínda que semelle un mundo distópico propio das películas de ciencia ficción, fai dous anos os festivais e concertos facíanse sentados en cadeiras, con distancia de metro e medio entre asistentes, aforo reducido e máscaras. De feito ata se recomendaba non berrar para evitar a propagación da covid. O Son dos Arrieiros naceu en plena pandemia, en outubro do 2021, cando as restricións aínda eran severas.
Daquela os concertos celebráronse nun pavillón da Fundación de Exposicións e Congresos. Actuaron daquela na Estrada Agoraphobia, Bala, Señora DJ, Terbutalina, Herdeiros da Crus e Novedades Carminha. A Praza da Feira tamén tivo algunhas actividades e actuacións, tratando de retomar a normalidade pese ás dificultades. O Son dos Arrieiros pasou á historia porque foi o primeiro festival da era covid en Galicia no que os asistentes puideron estar de pé e cantar, coa máscara, iso si. Un fito que recordou Patricia Hermida na presentación da súa terceira edición.
Expansión
O festival tivo continuidade no 2022. Sen restricións de ningún tipo, O Son dos Arrieiros expandiuse pola vila: 21 concertos en 4 escenarios durante 3 días. A meirande parte das actuacións foron ao aire libre, tendo a Praza da Feira como centro neurálxico, contando cun escenario na propia praza e outro na zona da carballeira. O Novo Mercado e o Teatro Principal tamén acolleron concertos.
O cartel contou con Sleepy Spice, Berto, C Mirazo, Mundo Prestigio, The Rapants, Mriagrep, Youcanthide, A Banda da Loba, Grima, Susana Seivane, Néboa, Ortiga, Treintañeras Cañeras, Allova, Copa Turbo, Grande Amore, The Blind Crows, Krisk K DJ, Catuxa Slalom, Señora DJ e Caamaño & Ameixeiras.