Máis de 1.400 rapaces de once centros educativos da contorna tomaron as rúas reivindicando o galego nunha nova edición do Correlingua
01 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O galego saiu onte de paseo polas rúas da Estrada. Unha marea laranxa de nenos reivindicaron publicamente o uso do galego nunha nova edición do Correlingua, esta vez baixo o lema Na casa, na escola, bota a lingua fóra.
Na cita participou o alumnado de once centros educativos da zona. Estiveron os estudantes do CEIP de Oca, do Cabada Vázquez de Codeseda, do Villar Paramá de Vea, do Foxo, de Figueiroa e do Pérez Viondi. Tamén os do CRA de Caldas e do CPI Aurelio Marcelino de Cuntis. Non faltaron tampouco os mozos do IES Número 1, o Losada Diéguez e o Chano Piñeiro de Forcarei.
Os nenos, tocados cos panos laranxas repartidos pola organización, levaron tamén pancartas e carteles propios relativos á defensa da lingua. Algúns colgaron no peito cartolinas con palabras en galego. Outros, con nomes de recunchos do concello.
Os rapaces percorreron as rúas coreando esperanzadoras consignas lingüísticas e espertando conciencias ao seu paso. Xa de volta participaron nunha festa na Praza do Concello na que se dou lectura ao manifesto do Correlingua e ofreceu un concerto o grupo Mekánica Rolling Band. O acto rematou coa tradicional solta de globos para espallar o galego polo mundo.