Xoán Reices: «Temos o mellor programa e a mellor candidatura»

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

O candidato do BNG é o único que non repite respecto aos anteriores comicios, debuta na política cunha formación renovada

20 may 2023 . Actualizado a las 10:54 h.

Esta é a primeira vez que Xoán Reices Villar (Couso, 1992) preséntase ás eleccións municipais da Estrada. De feito, este estradense de 31 anos leva en política tan só tres anos, dende que se afiliou ao BNG no 2020. A súa presenza é a gran novidade entre os candidatos que optan á alcaldía, sendo o único que non repite respecto aos comicios celebrados no 2019. Traballa coma administrativo, aínda que non se formou para esta profesión, xa que estudou a carreira de Psicoloxía. Esta será a súa primeira experiencia en política, como tamén o será para unha importante parte da candidatura que encabeza, renovada especialmente nos primeiros postos da lista para tratar de mellorar os resultados dos anteriores comicios, onde lograron un único representante. Asegura estar «ilusionado e con gañas» para unha aventura política na que tratarán de aproveitar o bo momento que están a experimentar os nacionalistas nas últimas citas autonómicas e nacionais.

—Como valora a situación política despois de doce anos de goberno do Partido Popular?

—A situación da Estrada é mala. Estamos a piques de baixar dos 20.000 habitantes, hai baixos comerciais pechados, non hai traballo, non hai vivenda asequíbel, hai edificios públicos e privados abandonados, o rural abandonado e sen saneamento e na vila todas as actuacións concéntranse na rúa Calvo Sotelo, como se as demais rúas non contasen. Un desastre.

—Que destacaría deste último mandato e da aportación que fixo o BNG dende a oposición?

—Ao longo do mandato fixemos moitas propostas para mellorar a vida da veciñanza como poñer en marcha un centro de día no antigo ambulatorio, mellorar a seguranza vial da N-640, a variante, mellorar a recollida do lixo no rural, unha planta de biomasa para a xeración de calefacción urbana, apertura de novas rúas, etc. Mais o Partido Popular rexeitounas todas agás a de converter A Estrada Dixital en comercializador de fibra e móbil.

—Ve factible evitar a cuarta maioría absoluta do PP?

—O rural está abandonado (as pistas, o lixo...) e hai moito descontento co goberno de López. É posíbel que perda a maioría.

—Cal é o obxectivo que se pon o BNG nestes comicios?

—Non nos poñemos límites. Temos a mellor candidatura, renovada e con experiencia, e o mellor programa para poñer na vangarda o noso concello. Agardamos uns bos resultados que permitan ao BNG abrir un tempo novo para que o concello teña novas oportunidades para recuperarse destes anos de desleixo do PP. Queremos converter A Estrada nun concello BNG como Allariz, Carballo ou Tomiño.

—Como afronta as súas primeiras eleccións e a súa primeira experiencia na política?

—Con moita ilusión e gañas, porque se os veciños e veciñas da Estrada nos dan a oportunidade, poderemos facer grandes cousas.

—Na súa candidatura houbo unha gran renovación. Pensa que pode ser un cambio atractiva para atraer a un maior número de votantes?

—Si, mais a xente tamén valora a experiencia de persoas que son referentes en diversos ámbitos. Penso que temos unha lista equilibrada con persoas moi valiosas.

—Cales son as propostas principais da súa formación?

—Vivenda pública, a posta en marcha dun centro día público, saneamento no rural, solo industrial público, un centro cívico para a mocidade e mellora dos servizos sociais, acorde ás necesidades dos veciños e veciñas.

—Escolla os seus proxectos estrela para a vindeira lexislatura.

—Rescatar da silveira a Torre e o Pazo de Guimarei para poñelo en valor e adicar aos Mártires da Estrada —alcalde e concelleiros— fusilados en 1937 unha das principais rúas da estrada, cumprindo así a súa vontade.