José López Campos: «Foi un mandato moi frutífero para A Estrada»

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

López destaca o volume «histórico» de investimentos nestes catro anos e apela á estabilidade coma o seu eixo básico de entender a política

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Carlos López Campos (A Estrada, 1974) aspira a obter a cuarta maioría absoluta consecutiva para o Partido Popular no concello da Estrada. Traballou coma empregado de banca e formouse estudando unha Licenciatura de Ciencias Empresariais que non rematou. Nos anteriores comicios municipais acadou os mellores resultados dende que se presentou como candidato dos populares aló polo ano 2011, conseguindo doce concelleiros. Para tratar de repetir este gran resultado aposta por manter a confianza nos mesmos homes e mulleres cos que contou no 2019, sen facer ningún cambio nos postos de saída da súa lista e apenas algún retoque no resto da candidatura da agrupación local.

—Como valora a situación política actual na Estrada?

—Penso que gozamos dunha normalidade política que envexan outros concellos. Aquí cada grupo defende as súas ideas e os seus proxectos, pero sempre dentro do xogo democrático e sen a acidez que vexo noutros lugares, que o único que fai é enturbar a convivencia.

—Despois de tres maiorías absolutas, cómo afronta estas eleccións?

—Coa mesma ilusión e co mesmo nerviosismo que a primeira vez. As eleccións son como as armas, cárgaas o demo, e nunca hai que relaxarse nin confiarse porque o día 28 pola mañá todos comezamos igual, con cero votos. Dito isto, penso que se mantemos a intensidade ata o último día da campaña, podemos sacar un bo resultado.

—Que aspectos destacaría do seu último mandato?

—A pesar de ser catro anos atípicos debido á pandemia, penso que foi un mandato moi frutífero para A Estrada, no que conseguimos desatascar proxectos estratéxicos para o futuro do noso concello e mobilizar unha cantidade histórica de investimentos. Ademais, fomos un goberno que estivo na rúa, a carón da xente, durante os catro anos.

—A súa lista apenas ten cambios notables respecto ao 2019. Cal é o motivo?

—Temos un grupo de traballo moi cohesionado, que foi o artífice da gran transformación que experimentou A Estrada nestes últimos 12 anos. Para min, na política, a estabilidade é un dos valores innegociables. Ademais, como todo na vida, o que funciona é mellor non tocalo.

—Ofrecéronlle un cargo de responsabilidade na Xunta e rexeitouno. Esa porta está pechada definitivamente ou nunha hipotética reelección estaría disposto a deixar o goberno da Estrada?

—A primeira afirmación nin a confirmo nin a desminto. En canto a deixar o goberno da Estrada, creo que é evidente que se quixera marchar non me estaría presentando de novo como candidato. Que ninguén dubide que o meu obxectivo e o meu compromiso é completar o ciclo 4x4, axudando a mellorar A Estrada ata 2027.

—No eido demográfico A Estrada corre o risco de baixar dos 20.000 habitantes. Que medidas plantexa para frear a caída poboacional?

—Temos que captar e fixar poboación e para iso propoñemos medidas transformadoras como achegar Santiago á Estrada a través da autovía, ampliar o polígono de Toedo para que se instalen empresas que xeren emprego, e mobilizar o mercado da vivenda con diferentes iniciativas.

—As outras formación políticas acúsano de ter esquecido o rural. Considera que son críticas xustificadas?

—Desde logo que non están xustificadas, pero é a súa estratexia para tentar desgastar ao goberno. As cifras non minten e nestes catro anos investimos 20 millóns de euros no rural, unha cifra récord que nunca na historia se alcanzara.

—Escolla os seus proxectos estrela

—Por esta orde, a chegada da autovía ata O Rollo, a ampliación do polígono industrial de Toedo e un novo esforzo inversor sen precedentes para seguir mellorando a calidade de vida no rural. A partir de aí, no noso programa electoral hai outras 97 propostas interesantes.