A voz estradense do pensamento galego

David Cofán Mazás
DAVID COFÁN A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Centrou a súa tese doutoral no concepto da saudade e escribiu un ensaio sobre a filosofía medieval

22 ene 2023 . Actualizado a las 13:42 h.

Aínda hai quen relaciona a filosofía con homes vestidos con toga opinando sobre o porqué da nosa existencia. Pero esta ciencia vai moito máis alá e persoas como Rocío Carolo Tosar (A Estrada, 1990) traballan arreo para amosar o atractivo e a utilidade dunha disciplina que é fundamental para coñecer mellor o mundo que nos rodea. A entrevista fíxose un día antes de que defendese a súa tese doutoral sobre o pensamento galego e o concepto de saudade. Ata fai ben pouco era profesora interina da USC, dando clases de Historia da Filosofía Medieval xunto ao doutor Martín González e tamén no Máster de Profesorado.

Pero non so ten ollos para a docencia. É unha reputada investigadora da filosofía medieval, publicando recentemente o seu primeiro ensaio, no cal céntrase no pensamento de Santo Agostiño de Hipona e Tomás de Aquino. La luz entre las tinieblas, titúlase. Ademais do medievo, a súa tese demostra unha inclinación por indagar sobre unha filosofía de corte galego, sobre o noso pensamento e o xeito que temos de discorrer por este mundo. Ese traballo vese no libro que presenta en Madrid este luns, Catro mulleres de palabra, no que participou xunto con Armando Requeixo, Marcelino Agís e Alba Iglesias, e que se centra no pensamento galego reflectido nas figuras de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Sofía Casanova.

Con semellante currículo o primeiro que un quere coñecer é o porqué da súa afección pola filosofía. «Non me lembro do momento exacto, pero un día alguén me preguntou qué quería ser de maior e dixen filósofa. Sempre me gustou ler e nalgún momento seguro que lin algo que me atrapou. Tamén foi importante o meu profesor no Bacharelato», explica.

Rocío asegura que sempre contou co apoio dos seus pais para seguir adiante co que máis lle gustaba. «Impoñer unha carreira aínda que tivera máis saídas non é convinde, porque non pos paixón e convérteste nunha persoa amargada. Eu tíveno moi fácil cos meus pais, sempre me animaron e aínda que houbo quen intentoumo quitar da cabeza, sempre deron a cara por min», afirma.

Defende a filosofía coma unha disciplina viva e útil no día a día. Esencial para comprender quén somos e por qué estamos onde estamos e facendo o que facemos. «A filosofía permite non asumir as cousas tal e cómo che veñen, pon distancia para xulgar o que vives dun xeito crítico», explica. «Non pecha a porta a nada, plantexamos grandes cuestións da vida, pero non son conceptos abstractos, senón que abre a porta a ser máis práctico. Penso que é necesario ter ese espírito crítico», reitera.

«Non fai falta ser Platón ou Aristóteles para xulgar o que nos sucede», lembra Rocío, consciente de que se adoita relacionar a filosofía coa antigüidade e tempos pretéritos. Para demostrar iso, salienta pensadores actuais coma Carlos Valiñas, Adela Cortina, Victoria Camps ou Marcelino Agís.

O noso pensamento

No seu estudo do pensamento galego céntrase na figura de Ramón Piñeiro, intelectual da xeración da Editorial Galaxia que «reivindica unha filosofía propia de Galicia como a mellor forma de desvelar o ser do pobo galego afastándose dunha perspectiva máis psicoloxista como a da poesía de Rosalía de Castro».

Esta liña de estudo, lonxe do que poida parecer, é recente. «Cada vez hai máis estudos sobre o pensamento galego. Hai uns anos era complicado. Cando fixen a licenciatura non se impartía filosofía española a non ser que o profesor considerase que era importante. Xa no grado si que se estudaba tanto a española coma a galega. Ata fai uns anos se cuestionaba a existencia dunha filosofía propia, pero co tempo vaise asumindo que existe un pensamento galego», apunta.

A saúde da filosofía

Aínda cos cambios no sistema educativo, Rocío é optimista co futuro da filosofía na ensinanza. «Coa última lei educativa sufrimos un cambio negativo, pero recuperamos horas no Bacharelato. O problema é que quitaron Ética en cuarto e os rapaces saen da ESO sen ter coñecemento algún desta materia, ademais, ao non ser obrigatoria non ten tanto peso», afirma. Porén, sinala que na facultade estanse cumprindo cos números clausus e non hai unha correlación entre menos horas no instituto e unha baixada de alumnos na universidade.

Na súa defensa desta materia, Rocío asegura que o que fai atractiva á Filosofía é o «papel activo que ten o alumnado na clase, onde podes pedir ao estudante que exerza de filósofo e busque explicacións racionais ás cuestións».