Os mitos e lendas da Estrada son recollidos nunha obra pola autora Clara Iglesias

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 30 de setembro ás 20.00 horas terá lugar no Mome o acto de presentación do libro Estrada encantada. Mitos, lendas e contos, editado pola Deputación de Pontevedra. O acto está organizado pola asociación cultural Vagalumes. Nel intervirán a autora do libro, Clara Iglesias, e María Ortega, deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Biliográfico, Memoria Histórica e Lingua da Deputación de Pontevedra. O acto contará cunha actuación musical a cargo de Anxo Fernández e Gustavo Brea e coa participación de Marcos Borrageros como contacontos.

A asociación cultural Vagalumes subliña que a mitoloxía popular pertence ao conxunto do patrimonio inmaterial galego, pero a súa vixencia e transmisión están en retroceso. O mundo labrego tradicional que a sustentaba devece e a última xeración de persoas depositarias e usuarias destes saberes está a desaparecer. Os mitos populares expresan a interpretación que a sociedade labrega tradicional fixo do pasado e da realidade en que vivía e explican moitas claves da nosa identidade.

En A Estrada encantada a autora pretende facer unha compilación, clasificación e interpretación de mitos e lendas recollidos no concello.

As persoas asistentes ao acto do vindeiro venres serán agasalladas cun exemplar do libro.