A Estrada busca fomentar o uso do galego no audiovisual cun proxecto escolar

d. c. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

20 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante os preocupantes datos de perda de galegofalantes entre a poboación máis nova, o Concello da Estrada, a través da concellería de Educación, puxo en marcha dende o mes de xaneiro e coa participación e colaboración dos centros educativos estradenses, Dinamiza TV, un espazo audiovisual no que os escolares estradenses difunden e promoven o idioma nun formato semellante ao dun telexornal, co que impulsan o seu uso no eido audiovisual.

Un total de dez vídeos —un por cada centro— que se subirán á canle de Youtube do Concello da Estrada. O primeiro estrease hoxe ás 12.00 horas e corresponde ao IES Manuel García Barros, seguido do colexio de Oca que se publicará o 23. O resto de datas serán o 25, 27, 30 de maio e 1, 3, 6, 8 e 10 de xuño. Os alumnos aportan material diverso, coma entrevistas, titoriais ou pezas humorísticas. O encargado da montaxe é o realizador estradense, Lucas Terceiro.

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, presentou esta iniciativa xunto coa coordinadora dos equipos de dinamización lingüística Dinamizaestrada, María Tato; e ao dinamizador do CEIP do Foxo, Alberto Bernárdez. Ambos salientaron a boa disposición dos rapaces á hora de facer as gravacións. Goldar destacou a cooperación entre centros e recoñeceu que podería ter continuidade o ano que vén.