A hostalería pode solicitar ata o día 31 a instalación de terrazas para a tempada estival

La Voz A ESTRADA / LA VCZ

A ESTRADA

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os establecementos hostaleiros da Estrada poderán solicitar ata o día 31 de maio a instalación de terrazas na vía pública para a tempada estival, comprendida entre os meses de xuño e setembro.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo, Gonzalo Louzao, «como consecencia da recente humanización de varias rúas do casco urbano esta tempada engadíronse novos condicionantes para a instalación das terrazas». Deste xeito, todas deberán deixar un espazo mínimo de 1,5 metros libres de obstáculos para facilitar o tránsito peonil, non poderán empregar materiais que deixen marcas ou manchas sobre o pavimento e o mobiliario terá que ser moble e deberá ser almacenado no interior dos locais fóra do seu horario de uso. Ademais, nas rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez os elementos das terrazas deberán gardar un mínimo de uniformidade.

Os locais interesados deberán cubrir e presentar un formulario no rexistro xeral do Concello, indicando a cantidade de mesas, cadeiras e demais elementos do mobiliario que teñen previsto empregar.