Reflexión do Colectivo Feminista Deza-Tabeirós

Colectivo Feminista Deza-Tabeirós

A ESTRADA

19 may 2022 . Actualizado a las 13:52 h.

Estamos preocupadas e queremos reflexionar con vós, sobre se todas as persoas temos claro que nas relacións afectivosexuais, particularmente nas heterosexuais, as mulleres podemos, sempre, en calquera caso, aínda tendo dito nalgún momento que si, manifestar ou dicir que non é vinculante e, se non se respecta é violencia sexual.

Se nos preguntamos, como normaliza a sociedade a violencia sexual machista?

Faise de moitas maneiras, recoñecedes estas catro que recollemos a continuación?:

1.-Xustificando moitos tipos de agresións e dicindo que non son tales (piropos, chistes, acoso, achegamentos...) e dicíndonos: sodes unhas esaxeradas, non tedes sentido do humor, acósate porque lle gostas...

2.- Culpabilizando á vítima, situándoa como responsable antes, durante e despois: como nos vestimos, se “provocamos”, se nos insinuamos, se cambiamos de opinión, se nos resistimos, se dixemos con suficiente claridade que non, se non estamos suficientemente traumatizadas, se seguimos coas nosas vidas, se nos repoñemos...

3.- Recorrendo aos estereotipos e prexuízos que constrúen os mandatos de xénero patriarcais: os homes son dominantes, impulsivos, agresivos e incontrolables por natureza,... As mulleres son sumisas, pasivas, non se sabe o que queren en realidade, teñen autocontrol... e ademais poden facer cambiar aos homes...

4.- Poñer o foco en que as mulleres temos que protexernos, restrinxir a nosa liberdade (de movernos, de vestir, de relacionarnos...) en vez de poñelo nos agresores

Desde o noso Colectivo consideramos imprescindible educar na igualdade e no respecto, máis alá de non agredir, en educar para promover relacións libres e igualitarias nas que non falemos xa de consentimento (que obviamente é o mínimo e ten que ser explícito), senón de desexo e respecto mutuos.