A Estrada, capital do rock galego co festival O Son dos Arrieiros

David Cofán Mazás
David cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Será na Fundación de Exposicións e Congresos o 29 e 30 de outubro

23 sep 2021 . Actualizado a las 21:24 h.

A Estrada formará parte do circuíto galego de festivais de música coa celebración de O Son dos Arrieiros. Os días 29 e 30 de outubro a Fundación de Exposicións e Congresos será o escenario no que actuarán seis bandas galegas de primeiro nivel: Novedades Carminha, Herdeiros da Crus, Terbutalina, Agoraphobia, Bala e Señora DJ. Un evento musical que pretende fomentar o Camiño da Geira e dos Arrieiros e impulsar a hostalería local.

Na presentación do festival participaron o rexidor estradense, José López Campos, o director de Agadic, Jacobo Sutil e Patricia Hermida, xerente da produtora Dotbeat!, promotora do evento. Hermida desvelou a intención de aproveitar a celebración do festival para realizar unha serie de concertos e eventos culturais nas rúas da localidade, con especial énfase nas agrupacións estradenses, sempre e cando as condicións climatolóxicas así o permitan.

Será o venres 1 de outubro cando se coñeza o reparto de bandas por día e os horarios, aínda que adiantou que o sábado comezaría con mais antelación que o venres, onde os concertos poderían arrincar ás 21.00 horas. Porén, dende hoxe mesmo activase a venda dun total de 100 abonos de fidelidade para ambas datas por 30 euros máis gastos de xestión que se poderán adquirir a través da web www.ataquilla.com. O aforo total será de 550 persoas que se atoparán sentadas e poderán contar cun servizo de bebidas, todo isto seguindo de xeito estrito o protocolo anticovid.

López Campos indicou que A Estrada está «ao nivel das grandes cidades galegas a nivel de programación cultural» e salientou a aposta do concello «pola cultura e o formato feito en Galicia non so por parte dos artistas, senón por todas as persoas que participan nestes proxectos».