Na Estrada en Galego, un xeito de impulsar o idioma no comercio local

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Case 30 establecementos participan na iniciativa creada por Andrea Mosteiro

11 jul 2021 . Actualizado a las 10:40 h.

O 9 de febreiro de 2020 naceu na Estrada un proxecto decidido a fomentar e visibilizar o galego no comercio local. A súa creadora foi Andrea Mosteiro, unha estradense de 16 anos que, consciente da perda de falantes nos últimos anos, quixo aportar o seu grao de area para impulsar o idioma.

A semente de Na Estrada en Galego plantouse en novembro do 2019, cando Andrea entrou na tenda 4 Eco Loan. «Entrei para mercar unha bolsiña dunha artista de Forcarei e gustoume moito o lugar, ademais estaba todo en galego e as propietarias, Loli e Ana, foron moi agradables. Conectei ben con elas», lembra Andrea, que a raíz deste encontro decidiu crear unha especie de asociación de comerciantes que usaran a lingua galega.

O traballo de Andrea consiste en difundir a través da páxina de Facebook de Na Estrada en Galego os contidos dos comercios que se adheriron a esta iniciativa. Polo de agora son 28, aínda que asegura que axiña chegarán a trintena. A páxina ten máis de 600 seguidores e dende xaneiro deste ano tamén conta cunha conta de Instagram.