A Estrada fai piña para pedirlle á Real Academia que lle dedique o Día das Letras Galegas do 2021 a García Barros


a estrada / la voz

A Estrada celebrou este xoves un pleno no que goberno e oposición fixeron piña para reclamarlle de forma unánime á Real Academia Galega (RAG) que lle dedique o Día das Letras Galegas do 2022 ao escritor estradense Manuel García Barros, Ken Keirades.

 «No ano que se cumprirá o 50 aniversario do seu pasamento pensamos que é chegado o momento de render merecida homenaxe a quen contribuíu coa súa obra e co seu legado cultural a facer máis grandes as Letras Galegas», defendeu o edil de Cultura, Juan Constenla.

No ano 1992 celebráranse na Estrada unhas xornadas sobre o autor nas que participaron prestixiosos intelectuais galegos e nas que se destacou, amais da obra do autor, o seu compromiso con Galicia e co pobo galego, coa súa cultura e co seu idioma.

O pensamento de García Barros deixou un legado de preocupación social, defensa firme do labrego e do emigrante, conciencia idiomática, mestre global e galeguista inconformista. Todo iso complementouse coa publicación de sete obras, as dúas últimas reunindo por unha parte os ensaios e por outra os artigos xornalísticos do escritor.

O Concello da Estrada lembra ademais a relevancia do premio de novela Manuel García Barros, que vai pola trixésimo terceira edición e que é hoxe un dos tres certames literarios máis importantes en lingua galega. O galardón veuse amplificado ademais este ano coa convocatoria do certame Alberte Quiñoi de álbum ilustrado, un premio que rende tributo a un dos personaxes máis populares da obra de García Barros e que acaba de ser fallado.

«Creo que chegou o momento de que a Galicia cultural e a Galicia literaria lle rendan tamén merecida homenaxe a quen tanto significou na súa medra e na súa defensa», considera Constenla.

 Apoio para Rogelio Groba

Na sesión plenaria a corporación estradense tamén aprobou por unanimidade apoiar a proposta da Xunta para que se lle conceda o Premio Princesa de Asturias de las Artes a Rogelio Groba. Natural de Ponteareas, o músico dirixiu durante anos a Banda de Música Municipal da Estrada e dedicoulle á vila unha das súas composicións. O apoio do Concello vense sumar ao que xa oficializara hai tempo a Banda de Música Municipal da Estrada.

Por último, no pleno aprobouse tamén o nomeamento de Xosé Lueiro como secretario da Fundación Cultural da Estrada en substitución de María Jesús Fernández Bascuas, que deixara o cargo ao exercer como secretaria do Concello.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Estrada fai piña para pedirlle á Real Academia que lle dedique o Día das Letras Galegas do 2021 a García Barros