Do caldo ao vídeo da man de Rosalía

r. g. / r. r. A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

O 24-F encheu a comarca de celebracións dispares para lembrar á autora

25 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde recitais ata Caldos de gloria. O nacemento de Rosalía de Castro festexouse na zona con iniciativas dispares desde todos os ámbitos. Os colexios lembraron á autora con recitais, murais e todo tipo de actividades lúdicas e literarias. Na escola infantil Elfos da Estrada elaboraron un Caldo de gloria, unha receita inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que a autora explica como facer un caldo humilde e relata a épica diaria da supervivencia. O caldo foi elaborado con produtos doados por unha horta ecolóxica local e degustado polos pequenos do comedor. As familias tamén levaron a proba nun vasiño conmemorativo do 24-F.

Tamén na Estrada, o Concello lanzou o vídeo Mais ti vas indo, protagonizado por persoas pertencentes ao ámbito da medicina e as emerxencias sanitarias, incidindo na capacidade de resistencia e resiliencia que a autora e os profesionais amosan ante a adversidade. Unha iniciativa similar xurdiu da comunidade do CEIP de Forcarei, mentres que a asociación Vagalumes promoveu unha lectura virtual de textos. No ámbito particular, a mestra lalinense Esther da Silva rendiu homenaxe á autora cunha pancarta no balcón da súa casa.