Deza: Profesionais da medicina e das emerxencias da Estrada lembran a Rosalía
Silleda colga mañá un obradoiro virtual e proxectará textos
a estrada / la voz
O Concello estradense colgará mañá día 24 ao mediodía na súa canle de YouTube e nas redes sociais o vídeo co que todos os anos homenaxea a Rosalía de Castro. O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, sinalou que por mor do covid-19 cancelouse o acto institucional que acompañaba esta presentación e no que unha representación de escolares estradenses, acompañados por xente da cultura, recitaban poemas da autora padronesa.
Malia todo, o Concello réndelle homenaxe con este vídeo institucional filmado polo realizador estradense Lucas Terceiro, e gravado por veciños pertencentes ao ámbito da medicina e das emerxencias sanitarias. A escolla, realizada entre un amplo abano de profesionais «que protagonizou, con grande valentía, a loita contra a pandemia, quere poñer en valor a heroicidade de dous baluartes da nosa historia pasada e presente: Rosalía de Castro e o noso sistema sanitario», indicou Constenla. O lema da proposta é Mais ti vas indo, e incide na capacidade de resistencia e resiliencia que escritora e profesionais sanitarios amosaron e amosan fronte as moitas adversidades que lles tocou vivir.
O vídeo quedará ubicado na canle de YouTube dende mañá, xunto aos cinco anteriores que superan os 20.000 visionados. Constenla agradeceu a participación de todos os profesionais sanitarios que colaboran no vídeo, do Centro de Saúde estradense, Emerxencias A Estrada e 061. Tamén da Fundación Sondeseu, que achegou os fragmentos musicais que enmarcan este traballo.
Pola súa banda, o Concello de Silleda organiza un obradoiro virtual para as familias coa obra de Rosalía como protagonista. Dirixido por Barafunda, poderá seguirse dende mañá e ata finais de marzo na web municipal. A través do enlace que alí se situará, os participantes recibirán as instrucións para seguir esta actividade. Precísanse un folio, pincel, rotulador, tesoiras, pau de madeira, ceras e cinta adhesiva, entre outros materiais, para confeccionar unha rosa de papel na que se poderán ler versos de Rosalía de Castro. A iniciativa súmase á proxección de textos da autora na noite de mañá, na fachada da Casa da Cultura ?praza Siñor Afranio?, unha actividade que chega da man da Deputación de Pontevedra.
Comentarios