Neira Cruz exerceu de padriño na sétima Festa das Palabras

No Principal presentouse o libro cos 62 textos gañadores


a estrada / la voz

A pandemia condicionou a sétima edición da Festa das Palabras na Estrada, unha iniciativa plenamente integrada xa nos centros educativos do municipio dentro dos seus programas anuais. Un programa promovido dende os equipos de dinamización da lingua galega, Dinamizaestrada, que pechouse onte coa presentación no Teatro Principal do libro e a entrega simbólica dos premios do concurso de micropoemas e microrrelatos. Unha edición que contou co escritor Xosé A. Neira Cruz como padriño literario desta nova xeración de pequenos creadores.

Unha Festa das Palabras en versión reducida, suspendida en maio cando alumnado e profesorado estaba confinado pola pandemia. Pero o traballo estaba feito antes de marchar para a casa, nun certame onde a palabra amigo debía figurar nos microrrelatos e cabelo nos micropoemas. Foron escollidas no primeiro trimestre polos propios alumnos entre aquelas que aparecen nalgúns dos títulos das obras do escritor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero.

No segundo trimestre recolléronse en cada centro os textos. Entre eles foi a escolma con un total de 62 gañadores das diferentes categorías, tanto en Primaria como Secundaria. Durante o confinamento o equipo de docentes de Dinamizaestrada realizou os traballos de recompilación dos textos e imaxes para preparar o libro presentado onte. Contén 62 textos, un limiar do padriño desta edición, 14 ilustracións de nenos de Infantil dos sete centros estradense e unha portada alusiva ás palabras escollidas, da deseñadora Rosa de Cabanas.

Sen poder celebrar a Festa das Palabras nun teatro ateigado de público, a entrega de premios simbólica e presentación do libro tivo onte a intervención de María Tato, profesora do CEIP Pérez Viondi, como representante de Dinamizaestrada, para despois escoitar un saúdo e unha intervención gravada de Neira Cruz, que non asistiu por motivos de saúde. A continuación foron subindo ao escenario un docente e un alumno de cada centro en representación dos premiados, collendo un libro. Tamén houbo intervención da representación do Concello da Estrada.

Unha actividade, como destacaban dende a organización, froito do empeño do profesorado implicado e coa participación entusiasta dos nenos que un día non moi afastado poderían chegar a ser escritores en lingua galega. Tamén houbo agradecemento ao apoio do Concello estradense.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Neira Cruz exerceu de padriño na sétima Festa das Palabras