Jasper, da banda Nao: «Sigo escribindo, con ideas e compoñendo máis cancións»

Alfredo López Penide
lópez penide REDACCIÓN / LA VOZ

A ESTRADA

SALVA MOREIRA

«Si o día de mañá a xente o demanda e vémonos con gañas, non descartamos dar algún concerto ou facer un disco»

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 7 de decembro do ano pasado, Nao daba o seu último concerto no recinto feiral de Amio, en Santiago. Coincidindo con este aniversario, acaba de saír ao mercado un dobre DVD, Adeus e grazas, que recolle integramente aquel directo e un segundo disco -Apocalipse NAO- con tres pezas documentais con gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma. Botando a vista atrás, Jasper, guitarrista e cantante do grupo da Estrada, asegura non arrepentirse da decisión tomada: «Tiñámolo moi meditado. Claro que na última etapa dábache moita magoa dicir adeus, pero tamén digo que, co tema da pandemia, estamos a ver que a nivel cultural está sendo moi difícil para as bandas. O noso foi un pouco premonitorio».

-Como xurde a idea do DVD?

-Xurde porque queríamos ter unha peza final na que amosaramos como foi ese derradeiro concerto e, ao mesmo tempo, porque tíñamos unha idea cando anunciamos a nosa despedida, alá polo 2015, de facer tres partes documentais contando a historia da banda. A primeira é moi cortiña, duns oito ou nove minutos, e explicamos os motivos que esgrimíamos para dicir que íamos parar e unha segunda, que está tamén colgada nas redes, na que se falaba das nosas vidas persoais, como as compatibilizamos co mundo da música, como era gravar os discos, e todo cunha visión máis cercana para os fans. E tíñamos pensado unha terceira, final, en torno á xira de despedida, coas emocións e nervios que tivemos e a preparación deses derradeiro concerto.

-Co tempo xa transcorrido, como recorda esa última xira?

-O teño medianamente fresco na memoria, a sigo gardando no corazón e vendo o DVD revives todo aquilo. Foi unha auténtica pasada. Sempre soñas en facer as cousas dun xeito e cando é unha despedida querela facer co teu mellor disco, coa túa mellor xira e todo cumpriuse. Foron corenta e pico concertos na xira final, dezaseis festivais... Fomos o grupo galego que máis festivais fixo e tivemos cheo en practicamente todas as salas onde tocamos. E no derradeiro concerto tivemos a máis de dúas mil persoas cantando con nós e logo as colaboracións, que foron marabillosas e deron todo de si. Parecían que cantaban en Nao.

-A nivel persoal, que supón facer tantos directos nun ano?

-Moito desgaste. A verdade é que o botamos de menos, pero vivimos máis tranquilos.

-A música sigue estando presente no seu día a día, non si?

-Seguimos tocando na casa e penso que iso non o abandonaremos nunca. Sigo escribindo, compoñendo cancións, probando outros formatos... Sempre tes inquedanzas por sacar cousas. Hai outros que pintan cadros, eu escribo letras e fago cancións coa guitarra.

-Escoitaremos eses temas en directo ou son para a intimidade?

-Non sei... Non teño ningún proxecto preparado para botalo a andar. De momento, non. Haberá que agardar.

-En todo caso, imaxino que nestes meses, os fans botaron de menos a Nao?

-A verdade é que temos unha sorte inmensa porque o vínculo que temos cos fans é marabilloso. Houbo xente que mercou este DVD o ano pasado en pre-order. Chega un ano despois de que o pagaron. Nas confirmacións dos enderezos electrónicos para ver si as direccións postais seguen a ser as mesmas a xente non contesta enfadada. A promotora PlayPlan Cultural, sorpréndense de que contesten «que pasada», «por fin, vouno a ver», «como boto de menos a este grupo», «o mellor agasallo deste 2020» ou «por fin, algo bo que ten este pu... ano»... Estamos flipando. É que nós esperábamos que as repostas foran do estilo de «xa vos vale» ou «a ver si o sacades dunha vez». Penso que unha vez que a xente visualice o DVD, vanos botar de menos moito máis, como facemos nós. Botamos de menos os tempos pasados. Ver 2.500 persoas todas xuntas, abrazadas, hoxe en día, é impensable. Ata da como mal rollo: «¡Qué haces, qué te vas a contagiar! [sic]».

-Estou convencido de que dentro duns anos asistiremos a xira de reunión de Nao.

-Non sei. Imos a descansar, cada un vai facer o que vexa e si o día de mañá a xente o demanda e vémonos con gañas, non descartamos dar algún concerto ou facer un disco. Seguímonos querendo como irmáns. As cousas como son, botámonos de menos, pero, de momento, non imos a facer nada. Agora imos a disfrutar do DVD.