A Estrada lanzará no 2021 o premio literario Alberte Quiñoi de álbum infantil ilustrado

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel Souto

A escritora María Rei Vilas recolleu o García Barros de novela

05 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal da Estrada acolleu este venres a entrega á escritora María Rei Vilas do premio correspondente á trixésimo segunda edición do certame de novela Manuel García Barros.

No transcurso do acto o alcalde da Estrada, José López, e o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro, anunciaron o nacemento dun novo premio literario no Concello da Estrada. Trátase do premio de álbum ilustrado infantil Alberte Quiñoi, que levará o nome do protagonista dunha das obras máis coñecidas do escritor Manuel García Barros.

O novo premio estará dotado con 3.000 euros e verá a luz grazas á colaboración do Concello coa editorial Galaxia. Como acontece co García Barros de novela, o Concello asumirá a contía económica do premio e Galaxia a publicación da obra gañadora. O premio convocarase por primeira vez no 2021 e xa conta con dotación orzamentaria nas contas municipais da Estrada para o vindeiro ano.

Con este premio, A Estrada pasará a contar con cinco certames literarios anuais: o premio Manuel García Barros de novela, dotado con 9.000 euros, o Avelina Valladares de poesía (2.000 euros), o Varela Buxán de teatro (1.200 euros), o xornalístico Manuel Reimóndez Portela (1.000 euros) e o Alberte Quiñoi de álbum ilustrado infantil, no que ilustración e literatura comparten o peso do traballo e adoitan ser asumidos por persoas distintas. Por este motivo o premio nace cunha dotación de 3.000 euros.

A Estrada, capital literaria

O responsable da editorial Galaxia aplaudiu a aposta pola literatura galega que está a facer A Estrada, un municipio ao que se referiu como «capital literaria de Galicia».

Nesa capital das letras recollía onte a autora María Rei o premio García Barros de novela -un dos máis prestixiosos de Galicia- pola súa novela Flores de ferro. O xurado valorou a orixinalidade dunha estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal, a dosificación da intriga que anima á lectura e o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.

A autora considerou o premio coma un triple agasallo: por acadalo coa que é a súa primeira novela -o que lle da azos para seguir contando-, por levar o nome dun escritor que foi tamén mestre afastado da docencia e que podería ser perfectamente un dos personaxes que camiñan polas páxinas de Flores de ferro e pola publicación en Galaxia, unha firma con 70 anos de traxectoria editorial en galego.

María Rei destacou que a novela nace dunha débeda coa xeración de mulleres que viviron de cheo a ditadura. «Medrei rodeada de mulleres fortes pero envoltas en silencios tecidos de dor, culpa e medo», comentou.

María Rei, que hai 29 anos exerceu como mestra na Estrada, tivo un recordo para todos os seus alumnos e subliñou que, coas novas xeracións, igual que coas anteriores, temos unha débeda: descobrirlles o pasado. «Se amarran as raíces fortes na terra poden medrar ata o ceo que eles escollan», advertiu.