Luna recolle o Avelina Valladares por un poemario que convida á reflexión vital

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

r. g.

O Concello anima aos estradense a converter o libro en agasallo de Nadal

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O autor estradense Xosé Luna Sanmartín viviu onte un déjà vú empañado pola crise sanitaria do coronavirus. No 2003 recollía no Casal de Vilancosta o premio de poesía Avelina Valladares polo seu poemario Memorias do Cairo. Co son da auga de fondo e moitos amigos acompañándoo nese cóctel primeiro de nervios e ilusión. Anos despois, o escritor volveu recoller este venres o premio Avelina Valladares correspondente á vixésimo cuarta edición pola obra O tempo entre as mans. Desta volta con mascarillas. Nun acto a porta pechada por mor das restricións sanitarias pero tamén «con moita felicidade e con moitísima emoción».

O tenente alcalde, Juan Constenla, resaltou que, se algo non mudou coa pandemia, foi o papel da Estrada como epicentro da Galicia literaria, coa convocatoria anual dos premios Manuel García Barros e Avelina Valladares. Lembrou a feliz coincidencia de que Luna, ademais de gañador do Avelina Valladares por partida dobre, é tamén o biógrafo da Cantora da Ulla e rematou recomendando aos estradenses que aproveiten a publicación do poemario de Xosé Luna para convertelo en agasallo nestas festas de Nadal.

O autor agradeceu «o premio que leva o nome dunha muller loitadora, dunha muller adiantada ao seu tempo, dunha muller que contribuiu ao rexurdimento das nosas letras, que é tanto como dicir ao rexurdimento do noso país». «Galicia é o que é, A Estrada é o que é, mercede á paixón, á xenerosidade, ao infindo traballo de mulleres como Avelina Valladares», dixo.

Xosé Luna resumiu o sentido do poemario nunha frase: «Ás veces, e neste tempo sabémolo ben, na vida compre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. Velaí o poemario O tempo entre as mans».

Luna rematou en clave optimista, cun anaco do poema Estación Alegría: «Igual é a hora de escoitar o son do alén/ rubir ao metro na Estación Alegría/ e refacer paseniño/ o camiño, pedra tras pedra,/ ata o corazón da vida/ e gorentar da luz do novo día».