Vagalumes e A Banda da Loba, galardoados cos premios San Martiño de Normalización Lingüística

Rocío García A ESTRADA

A ESTRADA

Miguel Souto

Os galardóns entregaránse o 13 de novembro nun acto a porta pechada por motivos sanitarios

28 oct 2020 . Actualizado a las 13:02 h.

O padroado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística vén de resolver por maioría a concesión dos recoñecementos correspondentes á edición deste ano á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical A Banda da Loba.

O colectivo Vagalumes acadou o premio San Martiño á difusión da lingua galega na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A concesión baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega. Desde o ano 2009 ata a actualidade a asociación ten promovido conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, ciclos de teatro, publicacións e homenaxes en prol da normalización, defensa e difusión do galego. A derradeira homenaxe tivo lugar hai poucas semanas, co gallo da conmemoración do centenario do xornal El Emigrado (1920-2020).

Pola súa parte, A Banda da Loba é recoñecida co premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. A Banda da Loba, que ten entre as súas integrantes dúas estradenses -as irmás Andrea e Marcela Porto-, é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. A banda ten publicados dous traballos discográficos: Bailando as rúas (2017) e A fábrica da luz (2019). Caracterizada no aspecto creativo polo eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska, a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua. Neste senso, a banda ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel Maria ou Rosalía de Castro.