Presentan hoxe na Estrada a biografía de Virxinia Pereira

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

A dona de Castelao finou en Madrid en 1969 tras anos no exilio

17 sep 2020 . Actualizado a las 20:53 h.

A asociación cultural Vagalumes presenta hoxe venres na Estrada ?Praza da Música, á beira do Mome, 20 horas? o libro de Montse Fajardo A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira. Editada polo Concello de Pontevedra, na que colabora o colectivo, «dá conta da vida desta estradense que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade». Vagalumes sinala que desde o seu compromiso compartido co seu home, Castelao, desde os tempos máis felices ao seu carón na procura do recoñecemento do país até as situacións máis duras na guerra e no exilio, «Virxinia deixou pegada en quen a coñeceu e na súa correspondencia, o que permitiu á autora deste traballo reconstruír o pensamento e a loita desta muller intelixente e combativa que quedou invisibilizada durante décadas e que hoxe se recupera para completar a comprensión do noso terríbel pasado recente e a explicación do porqué do noso presente insatisfactorio».

A presentación, con todos os protocolos anti covid-19, será retransmitida en streaming polo Facebook de Tabeirós-Montes. Ás 19 horas farase unha ofrenda floral no cemiterio estradense con lectura de textos de Virxinia Pereira e de Otero Abelleira.

O Consello da Cultura Galega pon na rede as cartas con Paz-Andrade

O Consello da Cultura Galega vén de poñer na rede o epistolario cruzado entre Virxinia Pereira (A Estrada, 1884-Madrid, 1969) e Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Son 28 cartas que intercambiaron entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao, sinala o consello: «Nelas apréciase a firmeza dunha viúva en respectar a vontade do seu home, a complexidade do proceso xudicial da herdanza de Castelao, pero tamén o compromiso político e ideolóxico dunha figura que viviu á sombra do máximo expoñente do nacionalismo», engaden.

As cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes, como José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada. A correspondencia está acompañada dunha reportaxe contextualizadora e un artigo de Miguel Anxo Seixas que, co título Virxinia e Daniel, a complicidade, aborda a relación do matrimonio da estradense e o rianxeiro.