O BNG de A Estrada protesta polo retraso nos orzamentos municipais

j. p. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

30 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A concelleira do BNG de A Estrada, Susana Camba, manifestou as propostas da organización nacionalista á Comisión para o Reto Demográfico, creada no concello para combater o despoboamento e a crise demográfica. Na reunión do pasado martes, Camba criticou que «o goberno municipal do PP vén sen os deberes feitos, xa que a día de hoxe non hai orzamentos do concello para este 2020 do que xa van alá sete meses».

Para a concelleira, é un «absoluto despropósito» que o goberno municipal non teña as contas deste ano aprobadas. «Fomos á comisión con afán construtivo, pero tamén para poñer sobre a mesa as consecuencias da falta de orzamentos para este ano», explicou.

Camba instou ao alcalde a tomar medidas, afirmando que este ten unha maioría absoluta para actuar sen problemas: «Se o alcalde López precisa cambiar o concelleiro de facenda porque non fai o seu traballo, terá que facelo». A concelleira mostrouse especialmente crítica coa pasividade de López, a quen considera o responsable deste retraso: «O alcalde ten que actuar, non pode ficar agardando a que o tempo solucione os problemas porque o tempo non os soluciona. En definitiva, o éxito da comisión depende de se o concello ten ou non orzamentos».