Patrimonio, moito máis que pedras

Carlos Henrique Fernández Coto

A ESTRADA

21 jun 2020 . Actualizado a las 11:33 h.

Cando observamos un cruceiro, vemos unha obra artística -máis ou menos ornamentada- que asociamos con costumes relixiosas de outra época. Cando observamos un hórreo ou unha palleira, vémolos como construcións -máis ou menos fermosas- que se utilizaron en outras épocas e que hoxe non teñen unha función específica. Cando observamos unha fonte popular ou un lavadoiro, pensamos nas épocas nas que non había lavadoras nin auga corrente nas casas.

Nada máis lonxe do que temos que ver cando observamos o patrimonio. Detrás de cada un deles hai un elemento etnográfico que forma parte da historia colectiva, que nunca debemos perder se nos queremos valorar como pobo.

Detrás dun cruceiro hai ritos e fenómenos descoñecidos que orixinaron a súa construción, sempre nas encrucilladas ou nas proximidades dun templo; ese é o motivo polo que non se deben mover a outro lugar. Cada hórreo garda a historia económica agraria dunha familia, asociada ao orgullo de telo cheo de millo. Non debemos esquecer que a nosa orixe é agraria e rural, dentro dunha estrutura singular na península. Os lavadoiros gardan os segredos das mouras e dos contos e lendas que fortaleceron o noso xeito de ser, e foron lugares de reunión das xentes do lugar.

Cada pedra do noso patrimonio garda unha parte inmaterial que é inseparable del, e que nos conecta coas nosas orixes, coa nosa identidade. Cada pedra do noso patrimonio é un anaco da nosa historia.

Galicia ten máis da metade do patrimonio de todo o estado en tódolos eidos: igrexas, capelas, batáns, muíños, foxos de lobo, alvarizas, campás, campaneiros, muros de pedra, palleiras, serradoiros, e moito máis. Pero así como o temos, podémolo perder por non aprecialo como se merece. O que nos falta é incorporar ese coñecemento na educación -dende a nenez- e incorporalo aos medios de comunicación, divulgando a fortuna que herdamos, con exemplos de boas prácticas de conservación e mantemento.

Pobos europeos como o noso coidan o seu patrimonio como un tesouro, namentres nós ignorámolo e maltratámolo. Asociacións como a que presido son vehículos de transmisión do amor ao patrimonio, divulgando as súas fortalezas e poñendo o foco tamén nas súas ameazas, con exemplos de bo facer e de malas prácticas.

Galicia cambiou de paradigma e, polo momento, deixou de ser un país agrícola, polo tanto é importante buscar novas funcións para bens patrimoniais cuxa función sexa compatible e equilibrada, sen alteralo. Un hórreo pode ser un lugar para gardar cousas distintas do millo, porque non lle afecta á esencia.

Outro aspecto no que temos que incidir é na formación e na especialización das persoas que interveñen na construción popular, recuperando os oficios tradicionais case perdidos, para saber afrontar obras en elementos construtivos tradicionais sen introducir materiais e técnicas incompatibles.

O obxectivo primordial de calquera pobo é conservar, manter e transmitir o legado recibido dos devanceiros ás xeracións futuras nas mellores condicións, sen perder a autenticidade e sen perder a súa estabilidade. Xogámonos o noso futuro nesta tarefa, colectiva e individual, de responsabilidade.

Por tanto, educación, divulgación, formación e concienciación son os factores esenciais do noso futuro como pobo que algún día foi un reino.

*Carlos Henrique Fernández Coto é arquitecto da Estrada