«Meu pai tiña máis de 500 abonados á ración que ía buscar a Estrada»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

E CUIÑA

Criouse, con 11 irmáns, entre caixas de mercadoría na casa-tenda que segue aberta

09 may 2020 . Actualizado a las 08:32 h.

Conversar con Sira Meijide, María Nila no carné de identidade, supón adentrarnos en boa parte da historia de Agolada. Forma parte dese puñado privilexiado de veciños que manteñen lembranzas frescas de tempos pasados. Seguiu os carreiros de seus pais á fronte de Casa Meixide, unha taberna reconvertida na actualidade en supermercado, do que se fai cargo agora a súa filla Rosa.

-O primeiro que me pode explicar é o do nome. ¿Chámolle María Nila ou Sira?

-Son Sira (risas). Ninguén me coñece por María Nila. Xa sabes o que pasaba antes; os padriños eran os que escollían o nome e a miña nai non lle gustou... Empezou a chamarme Sira e así me coñecen todos aínda que no carné estou como María Nila.

-Casa Meixide ten moitos anos de historia en Agolada.

-Ten. Nosos pais marcharon para Cuba a buscar vida e cando volveron mercaron esta casa que está no cruce das estradas de Lugo e de Melide, e aquí nacemos e nos criamos os 12 irmáns. Casa Meixide data de 1928 e foi noso pai José Meijide Blanco quen abriu primeiro unha taberna que pasou a ampliar con venda de comestibles e mesmo calzado. Eran anos nos que se vendía moito, non é comparable o de hoxe. Eran anos en que existía o racionamento. Había o que se chamaba a ración, que consistía en aceite, azucre, fideos, chocolate... e según eran de familia pois así lle tocaba pero non era moito. Nós eramos doce irmáns e só nos daban unha botella de aceite.

-¿Distribuían a ración na casa?

-Non exactamente. Meu pai tiña un camión xa daquelas e ía ata A Estrada a buscar as racións para os que tiña máis de 500 abonados, que eran veciños do municipio, e logo os taberneiros de cada aldea; que os había en todas, eran os que se achegaban a collelas aquí e se encargaban de entregarllas aos seus veciños. Claro que todo o da ración viña a granel, nada de botellas (risas). O aceite chegaba nun bidón de 200 litros e despois había que baleiralo en recipientes. Tamén contaba cun coche de feiras e ía ás máis importantes das que se celebraban daquelas: ao mercado de Santiago todos os xoves que non perdía nunca, Monterroso...

-¿Eran os únicos que ían buscar o racionamento?

-Non. Agolada foi un pobo con moita vida. Naqueles anos da ración había catro comercios nos que se dispensaba. Tendas de roupa si que non tiñamos pero sastres creo que chegamos a contar con catro ou cinco e costureiras moitas. Roupa feita non, pero despois atopabas de todo. Para que te fagas unha idea; ata que casei non tiven unha prenda feita. A primeira creo que foi o vestido de noiva (risas). As modistas eran as que nos facían a roupa a todas; independentemente da idade.

-Falando de idade, ¿cantos años tiña cando colleu a dirección de Casa Meixide?

-No momento en que se xubilou meu pai. Casei con 28 anos pois penso que aos trinta, aínda que meu pai sendo xa un xubilado sempre andaba por alí e con 85 anos aínda facía as contas; que non vexas con que velocidade.

-¿Que cambios levou a cabo?

-Coma todas as pequenas tendas dos pobos e das aldeas creo que nos fomos adaptando ás necesidades e ao que nos pedía a propia clientela que temos. Claro que aquelas vendas tan importantes que se facían antes xa non se fan, pero tamén apostamos máis por centrar a nosa oferta en comestibles. De feito a miña filla Rosa o que ten agora é un supermercado. Nosos pais tiñan calzado, comestibles,... un pouco de todo pero houbo que especializarse.

Feiras. Bota de menos as concorridas feiras do pobo. «Hoxe dá pena velas baleiras. Aquelas do 12 con tanto gando, tratantes, compradores e pulpeiros e agora sen ninguén».

Xeracións. Rosa Miguélez é a terceira xeración de Casa Meixide, e Sira espera que continúe a saga.

«¿Coñeces os nosos pendellos? Son fermosos. Era onde xogábamos de nenos tralo catecismo»

A Sira Meijide bríllalle a expresión e fala con fondo sentemento dos seus irmáns.

-Fomos doce, todos moi faladores e cada un foi buscándose a vida. O máis vello puxo un taller en Lalín, outro unha gasolineira, o outro dedicouse ás bicicletas, as miñas irmáns estudaron... Eramos moitos pero salimos adiante.

-As familias numerosas eran habituais naqueles anos.

-Eran e había moita máis vida no pobo. Coñecín algunha aldea na que vivían 60 persoas e hoxe só hai tres. Antes había con quen falar e hoxe non hai a quen preguntar. Iso é algo que boto moito de menos. Cando as miñas irmáns Carmela e Chucha fixeron a primeira comuñón eran un total de 40 e hoxe creo que non hai nin dous rapaces.

-¿Como afronta este confinamento?

-Aquí estamos moi ben. Non rexistramos ningún caso de virus en todo o concello, pero teño que recoñecer que non durmo moito de noite xa que sufro polo que está pasando. Cando escoitas e ves todo o que está sucedendo... Mira nós aquí ata están agora levándolle aos clientes a compra a casa. En moitas aldeas só quedan maiores e teñen medo. É normal. Non salen para fóra, non veñen a comprar e entón decidiron poñer este servizo a súa disposición.

-Estado de alarma sanitaria que diminúe aínda máis os movementos.

-Clar. Antes viña moita xente nas fins de semana a ver Os Pendellos. ¿Coñécelos? Son fermosos. Alí era onde xogabamos os rapaces todos despois do catecismo. Agora están restaurados e celebran alí varias feiras de artesanía que son moi concorridas. Este ano non sei que pasará con elas pero con esta situación... Unha pena. Son actividades que dan vida ao pobo.