«Ao empezar a traballar na residencia decidín vivir no piso soa, sen a familia»

A estradense Susana Bugallo minimiza dese xeito o risco de contaxios na casa da aldea onde están o seu home, os fillos e o sogro


a estrada / la voz

Susana Bugallo trasladouse coa súa familia o xoves 12 do seu piso da Estrada á casa do sogro na aldea: a Xunta recomendaba xa non levar aos nenos ao colexio ao día seguinte, e decidiron que mellor estarían os nenos con espazo para xogar e co avó, mentras ela e o seu home traballaban. A rápida evolución dos acontecementos, coa seguinte declaración do estado de alarma o domingo 15 deulles a razón na decisión.

Pero dende o pasado sábado, Susana xa non está con eles na casa. Ese día foi coñecer o seu novo destino laboral, unha residencia de maiores, e para minimizar calquera risco de contaxio, á volta foi ela soa para o piso da Estrada: tanto polos fillos, como sobre todo polo sogro, por ser dun grupo potencial de risco.

Porque estase a ver que xunto cos sanitarios os traballadores das residencias están a padecer múltiples contaxios, e non son infrecuentes os casos de profesionais que prefiren evitar o contacto coas súas familias ao final da xornada laboral. Susana explica que na residencia as medidas preventivas son altas. Na entrada dispoñen de desinfectante, e nas cabinas dos vestiarios deixan nunha bolsa pechada a súa roupa na taquilla. No seu centro de traballo visten un equipo de protección individual con pasamontañas, mascarilla, bata e guantes, con emprego de desinfectante de continuo: «E ao remate da xornada laboral, o uniforme pasan a lavalo directamente alí, non o traemos para a casa».

Do exterior da residencia, non introduce practicamente nada no seu traballo, «auga e pouco máis», sinala. O aillamento voluntario no seu piso, sen contacto coa familia, tamén reduce a posibilidade dun contaxio fóra que poidera levar ao seu centro de traballo.

Suplir baixas

Susana Bugallo prevía incorporarse no mes de abril ao seu novo posto de traballo. Pero no sector están a producirse baixas, que fan precisa a incorporación de persoal xa nestas datas.

Dese xeito o sábado foi coñecer as instalacións, e dende o luns traballa xa como axuiliar. Ela, que sinte empatía polas persoas maiores, asume o risco deste traballo por unha cuestión de humanidade: «A min gústame a xente maior. E agora necesítase persoal para traballar xunto a eles». E tamén por razóns económicas: «O meu home é autónomo, e aínda que no seu sector pode traballar, na práctica pouco pode facer. Ganancias, poucas». E a vida, aínda con estado de alarma, segue adiante: a crianza dos dous fillos non se detén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Ao empezar a traballar na residencia decidín vivir no piso soa, sen a familia»