A firma comercializa galletas ecolóxicas con fariñas tradicionais e mexillóns en escabeche de bateas propias
26 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Hai galletas que saben a puro azucre e moluscos que perderon a esencia do mar. Os sabores tradicionais estanse a esvaecer. A esperanza contra esa globalización insípida son proxectos como o que están a impulsar na Estrada María Rivas e Uxío Allo. A combinación dos seus nomes da como resultado a súa marca: Maruxío. Terra e Sal.
«O noso proxecto ten moito que ver cos sabores que se están a perder na terra e no mar. Eu crieime en Pontevedra, pero a miña avoa materna era de Terreboredo (Souto) e eu sempre me sentín de aquí. Todos os sábados viñamos e gardo moi bos recordos daquela época», conta María Rivas. Aquela casa na que botaba carreiras de pequena é agora o epicentro do seu proxecto de vida con Uxío Allo. «El é do mar, da Illa», explica María. Os dous viven agora en Codeseda pero están rematando de restaurar a casa de Torreboredo como base dun proxecto global de compromiso coa terra. «Chamámoslle Casa de Rebolos, de carballos. De pequena sempre me dixeron que o nome de Terreboredo viña de aí. Agora parece que en realidade tiña relación cunha antiga torre e chámanlle Torreboredo, pero a min gústame manter aquela idea. Son unha romántica», confesa María.
Nesa Casa de Rebolos naceu hai catro meses un obradoiro de galletas e de mexillóns que xa se atopan no mercado.
«De galletas temos catro referencias: dúas variedades son veganas e outras dúas (de chocolate) non, pero todas son ecolóxicas e certificadas. Son saudables, enfocadas a que senten ben», comenta María Rivas. «Facémolas con aceite de coco e de oliva e mesturas de fariñas de cereais como sarraceno, arroz ou escanda, que é a espelta asturiana. Non compramos fariñas, compramos cereal e moémolo nós mesmos», explica a produtora. «Son fariñas moi primitivas que van moi ben para persoas que son intolerantes ao glute», engade. Ademais, boa parte da materia prima é propia, xa que a familia ten galiñas que viven ao aire libre e proporcionan ovos ricos e saudables, cultiva trigo sarraceno e algunhas aromáticas -como lavando, romeu, caléndula, menta, tomillo ou ourego-, ten plantacións de maceiras de diferentes variedades e conta tamén con colmeas.
Boa acollida no mercado
Para María, esta non é a primeira experiencia como reposteira. Con unha socia e amiga xa facía hai un tempo galletas da marca Leira Doce. Con este precedente, cando botou a andar Maruxío xa tiña moito mercado aberto. «O proxecto está callando moi ben. O produto véndese a granel e está colocado en tendas ecolóxicas da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra ou A Estrada», conta. No concello estradense pódese atopar nos establecementos Casa Xorxeira e Sabia Natura.
As galletas son a parte de Maruxío enraizada na terra. O sabor a mar atópase nos seus mexillóns en escabeche. Veñen das bateas que Uxío ten na Ría de Arousa. «Compramos a maquinaria para facer nós toda a elaboración, pero de momento non temos rexistro sanitario, así que alugamos instalacións no Caurel e facemos alí as nosas conservas, cunha receita de escabeche propia», explica María.
Cursos de todo tipo, aloxamento e zona de degustación na Casa Terra de Rebolos
O proxecto de María e Uxío vai moito máis alá da fabricación de galletas saudables e de mexillóns. A casa conta cunha zona de exposición de artesanía local -con marcas como Atalanta ou Dona Formiguinha- e un espazo ao aire libre para a degustación de produtos. Na casa de Torreboredo a familia organiza tamén obradoiros de cociña e repostería e ten as súas portas abertas para calquera que queira impartir formacións relacionadas coa saúde, o medio ambiente, a arte ou a cultura. «O enfoque é traballar conxuntamente con outras persoas que así o desexen», conta María Rivas. Por outra parte, a casa ofrece aloxamento para cando se fagan cursos de máis dun día ou para familias ou amizades ás que lle apeteza descubrir un lugar cheo de detalles con encanto e cun entorno que ofrece moitas posibilidades, nunha zona tranquila con vistas á montaña.