
López anuncia un novo premio literario para narrativa infantil
15 nov 2019 . Actualizado a las 22:42 h.Berta Dávila (Santiago, 1987) reivindicou o papel das mulleres novelistas ao recoller no teatro Principal da Estrada o premio Manuel García Barros, que acadou coa súa obra Carrusel. Un libro, dixo, que fala de sutís casualidades entre os números, esas como as que a fan gañadora da trixésimo primeira edición do certame aos 31 anos. Rescatou outro número para suliñar que nestas 31 edicións soamente catro mulleres figuran entre os gañadores: «Son feliz de sumar o meu nome ao delas. E quero deixar un aviso: as mulleres que escribimos novelas estamos aquí. Chegamos para quedar. Asuman que queremos ser novelistas, señores, e non só obxectos das súas novelas». O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou o papel destacado das escritoras na literatura galega actual, «algo que queda patente nos premios García Barros, que premiaron a unha muller o ano pasado e a outra neste».
Dávila lembrou unha pasaxe dun dos seus libros no que sostén que «a verdadeira vocación do escritor será sempre a soidade». Engadiu que cando un libro ve o papel cómpre falar dos que o acompañan, e dou as grazas «a tres homes de ben que teñen moito que ver en que este libro sexa hoxe de papel». Tres Carlos: o tío Carlos, personaxe da novela; o editor Carlos Lema; e Carlos Meixide, «que significa a fortuna de compartir a vida e os libros con amor e humor, pero sobre todo, cun amigo». Rematou sinalando: «Agardo que tamén con amor fagan xirar vostedes este Carrusel, que sexan indulxentes con el e que o seu vaivén faga que algo, por pequeniño que sexa, se lles mova dentro».
O alcalde da Estrada, López Campos, fixo un anuncio de calado no acto: o Concello da Estrada sumará o vindeiro ano un novo premio literario, de narrativa dirixida ao público infantil, que completará o Manuel García Barros de novela e o Avelina Valladares de poesía.