«Este premio é un orgullo e unha honra, pero gañeino por eles»

a. f. LALÍN

A ESTRADA

05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Manuel Vilariño Salgado (Santiago, 1987) compaxiña a dirección da Banda de Música de Vilatuxe coa impartición de clases na escola da banda, é profesor de vento metal no Conservatorio de A Estrada, colabora habitualmente con orquestras sinfónicas e é membro do quinteto de metais Hércules Brass, e dende o pasado domingo atesoura un novo título: o de mellor director.

-Dous premios nun mesmo día. Cantas emocións.

-O certo é que non esperabamos volver con dous recoñecementos pero estamos encantados, claro. Ao final pensa que unha banda, que non deixa de ser dunha aldea, consiga un segundo premio na Sección Primeira do Certame Galego de Bandas é para valorar. Para nós chegar ao certame xa era un premio.

-Froito só do traballo?

-Traballo, constancia e ilusión. Fomos medrando ano tras ano. Non era o primeiro certame ao que íamos. Fomos á Terceira Sección, á Segunda,... Coa Banda Xuvenil gañamos e agora outro premio. O máis importante non é o recoñecemento do xurado, que pode ser máis ou menos xusto dependendo da opinión duns ou doutros, senón que o que rimporta e queda claro é que o traballo noso terminou o día antes do certame, o sábado. Logo o domingo foi un día para disfrutar e pasalo ben pero o traballo fíxose nas semanas anteriores.

-Ensaios a fartar.

-Houbo moitos e non podo deixar de agradecer especialmente aos pais e ás nais a súa implicación. Tiveron semanas complicadas levando e recollendo aos rapaces dos ensaios e o domingo posiblemente estiveron todos en Santiago, e os que non puideron asistir por diferentes razóns seguiron o certame en streaming a través da canle de youtube. Os músicos sentíronse moi arroupados... Temos unha gran familia, que segue medrando, e Vilatuxe está orgullosa da súa banda.

-Que supón este premio para os músicos?

-Unha enorme satisfacción. É a recompensa ao traballo. Os rapaces valoran o premio pero á larga valorarán tamén todo o traballo que hai detrás deste recoñecemento. Ao certame fomos 96 músicos e levamos un reforzo da Banda Xuvenil cunha vintena de músicos. Algunhas pezas eran de grande complexidade, foi necesario traballar moi duro pero creo que pagou a pena.

-E doblete, con premio para o director.

-Este premio non cabe dúbida que é un orgullo e unha honra, pero chega polo traballo e polos bos resultados dos músicos da banda. O premio é máis grazas a eles que individual. Este premio gañeino por eles, medrei con eles como director. É un premio que vai da man.

-Hoxe (por onte) descanso para os músicos.

-A banda descansa un par de semanas, que o merece, pero os rapaces foron a clase, algún tiña exame,... A escola continúa con normalidade e na banda comezaremos a preparar un concerto especial de Nadal por mor deste 75 aniversario da creación da formación.