Nós tamén somos candidatas


Ás veces a ideoloxía impídenos ser obxectivas e, ás veces, a obxectividade impídenos mostrar a nosa ideoloxía, pero cando opinamos de maneira sesgada co único fin de deixar constancia dos nosos desexos corremos o risco de caer na desinformación e nun evidente intento de manipulación.

As mulleres chegamos tarde á vida política, sobre todo á municipal. No noso concello fixeron falta máis de 100 anos para ter a primeira alcaldesa, Elvira Fernández Díaz, e algúns máis para que as listas foran paritarias.

Máis mulleres fóronse sumando nas seguintes etapas aos distintos gobernos, con responsabilidades diferentes pero salientables, ata chegar ás listas actuais, nas que, afortunadamente, somos moitas; todas coas mesmas gañas de traballar, cada unha desde a súa visión da Estrada e do que é mellor para o seu futuro, todas leais ao noso compromiso, todas escrupulosamente respectuosas cos tempos que marca a campaña electoral.

Lamentamos opinións que discriminan, que polo seu sesgo ideolóxico non contribúen en absoluto a reivindicar o papel da muller na política, xa que non miden co mesmo raseiro a tódalas candidatas e usan a amizade como primeiro valor, deixando caer que só algunhas están dispostas a dar o mellor delas mesmas.

As mulleres que formamos parte da candidatura do Partido Popular, independentemente do posto no que vaiamos, temos claro cal é o compromiso que adquirimos cos veciños da Estrada, con todos, non só con algúns. Compartimos un proxecto pensado para a totalidade dos estradenses e somos conscientes que o 26 de maio os electores decidirán o que estimen que é mellor para os vindeiros catro anos. E nós asumiremos ese mandato e seremos consecuentes con el, porque a democracia é o que ten: decide a maioría e non opinións particulares, sesgadas e interesadas.

Amalia Goldar e demais integrantes da candidatura do PP

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

Nós tamén somos candidatas