Ana Belén Casal: «Produtos libres de plásticos hainos, só hai que empeñarse en buscalos»

amelia ferreiroa A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

A tenda vende deterxentes ecosustentables e biodegradables sen envoltorios linóleos

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito millóns de toneladas de lixo van a parar anualmente aos mares, e cada segundo máis de 200 quilos espállanse nos océanos. Son datos aportados por Greenpeace que invitan á reflexión; como que o 80 % do plástico chega da terra, o 70 % se quedará no fondo marino e que cada día se abandonan en España 30 millóns de latas e de botes e que o 50 % dos plásticos que chegan aos sistemas de xestión rematan en vertedoiros sen seren reciclados. O lixo está pois en todos os rincóns e forma parte da vida cotiá. Reducir a súa incidencia é o obxectivo que se marcan Ana Belén Casal Martínez e María Dolores Fernández Fernández en A Estrada, dende a recén estreada tenda 4eco LoAn.

-Que empurra este proxecto?

-O desexo de reducir a cantidade de plástico que se usa. O proxecto xurde durante as camiñadas cos nosos cans por Tabeirós, onde vivimos as dúas, e ollar a cantidade de lixo espallado nos distintos puntos da parroquia. Fíxonos reflexionar, e aínda que no plano persoal e profesional somos distintas, temos inquietudes comúns que nos motivaron a buscar un proxecto empresarial e social que encaixara coas nosas ideas e iniciativas. Unha das fillas de Loli (María Dolores) falaba dos champús sólidos sen sustancias tóxicas e dos cepillos dentais de bambú, libres de plástico... Fomos indagamos por aí e chegamos a 4eco.

-Que é exactamente?

-Unha agrupación de tendas que venden tamén este tipo de produtos e pensamos que era o proxecto que se adaptaba ao que buscabamos, unha forma de traballar en algo que ademais pode axudar a reducir o plástico. Alá nos mergullamos na idea e aquí estamos!.

-Falamos de que é a primeira tenda destas características que opera en Galicia.

-Do grupo, somos a primeira. Hai unha franquicia italiana semellante pero que non ten os produtos nin o sistema de envasado cos que contamos nós. En 4eco os produtos veñen directamente do laboratorio á tenda en bidóns, que una vez están baleiros, voltan para reutilizarse de novo e continuar con vida útil. No caso da franquicia italiana envasan en caixas de cartón con grifos que conteñen plástico e non se reutilizan. Digamos que nós somos máis sensibles co medio ambiente.

-Como é o funcionamento da tenda?

-É un funcionamento sinxelo. Temos unha ampla gama de deterxentes e de produtos de limpeza que son ecosustentables e biodegradables a maior parte deles, dunha liña base que non ten perfumes pero á que se lle pode engadir algunha das distintas esencias, sempre e cando o cliente así o desexe. Á tenda ves co envase baleiro da casa, pesámolo e unha vez recheo co produto pagas só o contido. En 4eco tamén contamos cunha liña de produtos de hixiene persoal, libre de sustancias tóxicas e sen envoltorios de plástico. Temos cosmética natural, cremas de karité, champús e xeles sólidos, cepillos de dentes e dentífrico natural con carbón activado. Todo libre de sulfatos, parabenos e siliconas e con fabricación artesanal alonxada dos envoltorios, que plásticos son en definitiva.

-É unha fuxida do plástico.

-Éo. Produtos libres de plásticos hainos, só hai que empeñarse un chisco en buscalos. Preocúpannos os temas medioambientais, o maltrato ao planeta... O peixe grande está comendo ao pequeno. En estudos recentes atopáronse partículas de microplásticos en refugallos de persoas analizadas. O problema da contaminación do plástico aféctanos e é hora de reflexionar, todos.

Ana Belén Casal. Nada en Compostela. Administrativa de profesión, exerceu en empresas privadas e públicas.

María Dolores Fernández. Natural de Tabeirós (A Estrada). Foi encargada nunla liña de producción dunha multinacional do sector téxtil e auxiliar de enfermería en xeriátricos.

«Queremos levar ás aulas e ás asociacións a aprendizaxe dunha correcta reciclaxe»

Ana Casal e Dolores Fernández están comprometidas co planeta, e intentan deixalo nas mellores condicións posibles para as xeracións vindeiras.

-E aí temos que traballar, e se o esforzo fose común seguro que as cousas mellorarían.

-Queren sentar bases dende a infancia, dende as idades máis temperás?

-Así é. Os nenos son o futuro e pretendemos levar ás aulas e ás distintas asociacións a aprendizaxe dunha correcta reciclaxe. A idea é a través dunha presentación en diapositivas e cun libro de lectura pedagóxico, que se chama Carlos Albatros e a illa embruxada, iremos explicando as consecuencias do uso do plástico e o seu incorrecto reciclado. Se oito millóns de toneladas de lixo rematan no mar cada ano é que non facemos ben as cousas. Temos que explicarllo aos rapaces pero tamén aos adultos. É unha tarefa de concienciación, de mudar hábitos pero tanto nos rapaces coma nos mozos, ou nós mesmos.

-Recentemente comezáronse a cobrar as bolsas de plástico como paso previo a retiralas. A iniciativa axuda a reducir o seu consumo?

-Pensamos que non é unha medida eficiente. A inversión dun par de céntimos por parte do cliente e a comodidade de ter alí as bolsas, aínda que sexa pagando, non soluciona o problema e seguen circulando as bolsas de plástico.

-Somos conscientes da cantidade que mercamos todos os días?

-Non imaxinamos. É case imposible facer unha compra sen plástico. A maioría dos produtos están envoltos en plástico. Case todo está empaquetado e incluso temos microplásticos onde non os vemos como por exemplo nas pastas dentais, que tamén acaban no océano.