«Unha crianza ri 200 veces ao día, hábito que perdemos pola educación»

amelia ferreiroa A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

CARLOS PEREIRO

Impartirá un taller o próximo 20 de outubro en A Estrada, en Soei Educación

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De familia lle viña adicarse á perrucaría e iso fixo. Gosta de ser creativa, dende moi nova, independentemente da materia prima que teña nas mans, Perruqueira e maquilladora profesional, Baia Fernández De La Torre (Cuntis, 1980) xestiona un negocio propio de estética pero tamén escribe poesía, relatos cursos, publicou dúas obras, fixo papel de actriz e dende fai uns anos leva a cabo terapia a través da risa. É entrenadora emocional e da risa, creadora do método Ari abrazando a risa anterior e líder do ioga da risa. O próximo 20 de outubro estará en A Estrada impartindo un dos moitos talleres que realiza por Galicia.

-De onde ven ese interese polas emocións e a risa?

-Sempre me sentín atraída pola observación e a analise do comportamento humano. Chegou o día en que esa mirada a dirixín cara min, comecei a observarme e a comprender moitas das cousas que me acontecían sen saber por que. Afondei con distintas terapias e disciplinas ata experimentar un notable crecemento a nivel persoal, a medida que ía mellorando a miña calidade de vida naceu en min a necesidade de compartir esa experiencia, de aí que decidise formarme como entrenadora emocional e da risa.

-Que é un entrenador emocional e da risa?

-É unha persoa que che sirve de guía para coñecer as emocións, saber para que serven, acompañamento para colocalas en harmonía e claridade para descubrir a vedadeira vocación.

-En que ámbitos traballa?

-Os ámbitos de actuación son os centros educativos; tanto para alumnado como docentes, o asociacionismo, pois cada vez son máis frecuentes os grupos, sobre todo de mulleres interesados no crecemento persoal, e por suposto no ámbito social; normalmente a través de consulta particular. Cada vez somos máis os que nos decantamos por este xeito de traballar a través da comprensión emocional, se ben era un mundo máis descoñecido ata hai uns anos, agora está moito máis presente e comeza a dárselle ás emocións a importancia que teñen na nosa vida.

-Poden entrenarse as emocións?

-Pois en realidade, non. Unha emoción é unha resposta primaria e automática a un estímulo. O que se entrena é o que nós facemos coa información que a emoción nos proporciona.

-E a risa?

-Por suposto que si! De feito o cerebro non diferencia entre unha risa espontánea e unha exercitada se esta se fai con boa vontade. Por iso é tan importante e tan beneficioso entrenar a risa.

-A quen vai dirixido o taller no Soei Educación?

-É un taller de dúas horas de duración dirixido a persoas maiores de idade. O que buscamos con estos talleres é dar a coñecer a importancia da risa, como usar este gran poder. É un convite a expresarnos, a recoñecer as emocións e sobre todo a descubrir a risa interior, esa coa que nacemos e que nos conecta coa alegría.

-A risa é máis habitual nun neno que nun adulto.

-Moito máis. Temos que saber que unha crianza ri unhas 200 veces ao día, un hábito que imos perdendo co paso dos anos por mor da educación e de certos mandatos sociais. Podemos dicir que a risa é unha gran incomprendida e a miúdo castigada por mor desa incomprensión. Por outra banda o estrés está moi ben visto, moitas veces relacionamos a unha persoa estresada con unha persoa traballadora, como unha virtude. Isto é algo dramático pois o estrés está demostrado que se atopa detrás de moitísimas enfermidades, moitas delas mesmo graves.

«A risa reduce os niveis de estrés e conleva unha mellora na saúde das persoas»

Baia adoita rir moito, de sempre, pero o tema da risa chegou a ela por casualidade nun curso. Así dende o ano 2006 está en seguida formación

-Podo dicir sen medo a equivocarme que, reducir os niveis de estrés e conectarme con alegría conleva unha mellora notable na saúde dunha persoa. Como apunte direi que para abrazar a miña risa interior debo estar disposta a abrazar todas as emocións. É unha experiencia que te achega á plenitude.

-Creou o método ARI, en que consiste?

-Xurdiu da mistura de disciplinas e de traballos de relaxación. O método ARI significa Abrazar a Risa Interior. Son unha persoa que traballa coa risa como un elemento innato. Os bebés, por exemplo, rin no ventre materno e falaba desas 200 veces que rin as crianzas ao longo dunha xornada... A risa está en todas as culturas do mundo e en todas elas teñen exactamente o mesmo significado; que é a alegría e a satisfacción. É como o primeiro andar, a primeira toma de contacto, o primeiro idioma que usas para comunicarte... A risa é universal e é preciso buscala no interior da persoa.

-Non todas as situacións cotiás convidan ao sorriso.

-Non pero se eres capaz de facer fronte a unha situación dramática dende o sorrido evitarás o estrés ou a angustia. Normalmente enténdese a risa como diversión, ou tamén en situacións de burla, pero considero que ten outros aspectos. Opino que é un xeito de eliminar tensións, de desfogar, de manter ese contacto co teu lado máis positivo...

-Cal sería a súa recomendación?

-Eu o que máis fago é intentar engadir sempre un sorriso a todo aquelo que fago. Como ben di aquel dito: «Ri e o mundo rirá contigo».