O García Barros con raíz máis local dos últimos tempos

j. b. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Javier Benito

As terras de Deza e A Estrada teñen presenza na novela da silledense Ana Cabaleiro

19 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A trixésima edición do premio de novela Manuel García Barros ten dobre raíz dezá. A súa autora é a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López (Saídres, 1974). E os espazos onde sitúa a acción están na súa Silleda natal e tamén na Estrada, nos desprazamentos da protagonista da obra cara a Santiago. O xurado fallou onte o galardón, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra pola editorial Galaxia, que convoca o Concello estradense coa colaboración da Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estivo integrado pola filóloga e ensaísta María Eulalia Agrelo; a poeta e xornalista Olalla Cociña; o poeta e editor Carlos González de Lema; o escritor e crítico literario Armando Requeixo; e como secretario o mestre e escritor Carlos Loureiro. O fallo foi por unanimidade entre as dezanove obras presentadas.

O xurado destacou que foi o primeiro premio importante para Ana Cabaleiro coa súa primeira novela tras publicar o libro de contos De sapos e sereas. Presentou o seu traballo baixo o lema Coralia Fandiño e co título As Ramonas. Converteuse na terceira muller que gaña o García Barros nas trinta edicións xa convocadas. Armando Requeixo destacou a reivindicación que fai a autora do papel da muller no mundo actual e a súa querenza polos veciños da zona, ao ser Saídres o epicentro da novela e tamén o lugar onde naceu Ana Cabaleiro.

González de Lema desvelou a liña argumental da obra premiada, a historia dunha fotógrafa de vodas que ansía trascender e alcanzar a liberdade a través da arte. O fondo da mesma é un tema universal, o intento dunha persoa da aldea cun traballo normal mediante o cal pretende trascender a súa realidade cotidiá.

Chamou a atención do xurado, como explicou González de Lema, que toda a acción transcorre nos interiores de coches xa que a protagonista quedou sen o carné de conducir, pero sen buscar «un falso efectismo» senón como canle da novela. Mentras, María Eulalia Agrelo destacou o «papel protagónico fundamental» das mulleres, de todas as idades e que buscan gañar o futuro. Loubou a introducción no mundo feminino e rural pero tamén afectado polas novas tecnoloxías. Incidiu tamén que o título da obra, «moderna, atractiva, sedutora», responde ao nome das protagonistas do relato.

Olalla Cociña admitiu que lle chamou a atención da historia a construcción do personaxe principal, unha especie de antiheroína, unha perdedora que vai crecendo ao longo da novela ata chegar a ser unha gañadora na vida. Requeixo tamén alabou a inclusión dunhas «personaxes femininas fascinantes e que representa a vitoria do mundo da arte fronte as continxencias cotidiás».

A gañadora, Ana Cabaleiro, recibiu a noticia da concesión do galardón nunha chamada do alcalde estradense, José López. O seu primer destino como xornalista, tras estudar Xornalismo na USC, foi precisamente na emisora local Radio Estrada e na actualidade traballa no gabinete de prensa da Deputación de Pontevedra. A súa ópera prima, De sapos e sereas, contos tamén en clave feminina, tivo unha boa aceptación do público.