Destacan na Estrada que o galego segue no olvido no mundo xudicial

Javier Benito
j. benito A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Cedida

Onte tivo lugar unha homenaxe ao xuíz Fernando Fernández Leiceaga

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda moito camiño por percorrer e o galego goza de escaso protagonismo se falamos do seu uso na xustiza. Pode ser a conclusión tras o acto celebrado onte no consistorio da Estrada, que promoveu a Irmandade Xurídica Galega para render homenaxe aos xuíces que desempeñan a súa labor en galego, aproveitando a celebración de 35 aniversario da Lei de Normalización Lingüística e baixo o lema Lingua de Lei. No caso estradense, o tributo foi para Fernando Fernández Leiceaga, quen a comezos dos anos noventa ditou as primeiras e únicas sentenzas en galego na vila.

O salón de plenos acolleu as intervencións nun acto que contou coa presenza dos alcaldes da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, xunto ao director xeral de Política Lingüística, Valentín García. Tamén estiveron entre os asistentes representantes da corporación estradense e Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSOE no Parlamento de Galicia e irmán do homenaxeado. Non faltaron avogados e outros representantes do mundo xudicial local.

O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo, foi o encargado de presentar o acto lembrando a creación da entidade e os seus obxectivos para potenciar o uso xurídico do galego e o exercicio de memoria de quenes defenderon no seu día o emprego da lingua no seu ámbito profesional, dende xuíces a maxistrados ou avogados. Citou otras vilas e cidades onde xa fixeron homenaxes similares ao que recibiu Fernando Fernández Leiceaga, na actualidade maxistrado do TSXG. Tamén a Irmandade, apuntou, fai unha labor pedagóxica dentro da comunidade xurídica para buscar adhesións á tarefa da defensa da lingua.

Os avogados estradenses Xesús Palmou, Mónica Arca e Iván Sanmartín tamén interviron. O primeiro para recordar que compartiu estrado con Fernández Leiceaga e destacar o seu compromiso co galego, facilitando no Xulgado o seu emprego polos veciños nas súas testemuñas e respostas. Pola súa parte, Mónica Arca apelou á posta en marcha de máis recursos para potenciar a implantación da lingua no sistema xudicial, que non está pensado para o galego, apelando a un esforzo colectivo. Na mesma liña pronunciouse Sanmartín.

Fernando Fernández Leiceaga asegurou non ser merecedor de ningún tipo de homenaxe, lamentando que os novos compañeiros despois non fixeran o esforzo de adaptarse á realidade social da Estrada. Pola súa banda, Valentín García recoñecía que é menos fácil a implantación do uso do galego na xudicatura, fronte ás administracions locais ou mesmo á sanidade. Lembrou os distintos programas e ferramentas que a Xunta ten a disposición dos interesados, como Lexgal, con toda a lexislación en lingua galega. Citou tamén a sentenza do Prestige, de ámbito internacional e ditada en galego.

Os tres alcaldes presentes no acto asinaron unha declaración xunto a Irmandade Xurídica Galega co seu compromiso a prol do emprego do galego no ámbito xurídico e contractual nos concellos. O rexedor estradense, José López, apelou á proximidade da Administración aos veciños, apuntando que o seu municipio foi pioneiro en contar con servizo de normalización lingüística e cos premios San Martiño. O descubrimento dunha praca conmemorativa da homenaxe a Fernández Leiceaga, na pranta baixa do consistorio, no seu día sede xudicial, pechou o emotivo acto onte na Estrada.