As Letras latexan hoxe na Estrada e Silleda

A ESTRADA

miguel souto

Haberá pregón de Ramiro Cimadevila, Ruta das Letras, Festa dos Maios, taller de poesía e un festival folclórico

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada e Silleda concentran hoxe as maiores celebracións do Día das Letras Galegas da comarca.

Na Estrada ás 12.00 horas terá lugar na alameda a tradicional ofrenda floral ante o monolito dedicado ao escritor Marcial Valladares. O pintor Ramiro Cimadevila exercerá de pregoeiro.

Pola súa banda a parroquia de Ouzande (A Estrada) acolle a décimo terceira edición da Ruta das Letras, organizada polo colectivo A Fervenza. Combina sendeirismo e literatura. A saída será ás 9.45 horas, desde a igrexa de Ouzande, a onde está previsto o regreso sobre as 13.30 horas. Os participantes percorrerán a Ruta de Pedralba, de 15 quilómetros e dificultade media-baixa. Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego. En Soutelo de Montes a xornada festiva tamén se aproveitará para facer sendeirismo, coa subida ao Pico do Costoia. A saída será ás 9.45 da Praza dos Gaiteiros.

En Callobre (A Estrada) aproveitarán o Día das Letras Galegas para celebrar a primeira edición da Festa dos Maios, no Castro da Fervenza da parroquia. Os colexios de O Foxo e Codeseda e a Asociación de Mulleres de Callobre confirmaron a construción de Maios florais. A xornada comezará ás 12.00 cunha ruta a pé desde o castro á fervenza. Sobre as 14.00 horas terá lugar o almorzo campestre no castro, onde finalmente haberá servizo de bar pero non de comida. Ás 15.30 horas presentaranse os maios e celebrarase o tradicional baile das cintas. Haberá randeeiras e xogos populares para rapaces e maiores.

En Silleda a xornada festiva estará protagonizada pola poesía e a música tradicional. A poeta María Lado (Cee) impartirá un obradoiro de poesía ás 12.00 horas na Casa da Cultura. Está especialmente dirixido a cativos de cinco anos en diante e ás súas familias, que elaborarán «o libro do tempo e da poesía». Pola tarde a música será a protagonista no VIII Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda. Participan oito formacións que desfilarán ás 18.00 horas da praza Siñor Afranio á Casa da Cultura, onde actuarán.

Por outra banda, mañá ás 12.15 no edificio da Solaina de Piloño inaugurase unha mostra fotográfica sobre os oficios da zona creada polos alumnos do CEIP Cerdeiriñas, con motivo do Día das Letras. Os rapaces estrearon esta semana un mural sobre María Victoria Moreno nunha parede do centro e recibiron a visita do ex Valedor do Pobo e autor infantil José Julio Fernández.

Pola súa banda, a Asociación de Amigos do Mosteiro de Aciveiro conmemora o 17 de maio coa publicación na súa recentemente estreada páxina web, amigosaciveiromontes.gal, dunha semblanza biográfica e literaria de Xosé Otero Espasandín e dun relato inédito de Rita Barreiro Ferreira, autora natural de Sorribas.