Un libro recolle as 61 creacións da nova colleita de escritores estradenses

O volume presentarase o vindeiro mércores no marco da Festa das Palabras

.

a estrada / la voz

Os equipos de dinamización lingüística de todos os centros educativos da Estrada presentarán o vindeiro mércores ás 20.30 horas no teatro Principal un libro que recolle as 61 creacións literarias da nova colleita de escritores locais. A obra é o froito do Concurso de Micropoemas e Microrrelatos no que participa masivamente o alumnado local, de Primaria a Bacharelato.

«O obxectivo é normalizar o uso do galego e promover actitudes positivas cara el. A situación do galego amosa que máis que nunca son necesarias accións nese sentido e que saian das paredes dos centros», comenta Víctor López.

Os micropoemas e microrrelatos sempre xiran en torno a unha palabra elixida entre as dos títulos das obras do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas. Neste caso, a autora infantil e xuvenil María Victoria Moreno. Segundo explica Ana Fernández Mella, este ano esas palabras foron «mar» para os micropoemas -cun máximo de oito versos- e «faiado» para os mirorrelatos -de non máis de cen palabras-.

Unha madriña literaria de nivel

O libro cos textos gañadores presentarase o mércores na Festa das Palabras, que xa acada a súa quinta edición. Cada un dos autores recibirá un exemplar do libro e un caravel branco.

No libro tamén se inclúen 14 ilustracións seleccionadas entre as realizadas polo alumnado de Infantil dos colexios estradenses. Estes debuxos integrarán ademáis unha exposición se se poderá ver no teatro Principal o día do evento.

Esta vez, a madriña literaria da nova xeración de pequenos creadores será a recoñecida escritora e contacontos Paula Carballeira. Ademais, a festa tamén será musical. Neste caso será o grupo Plan Siberia, liderado polo estradense Gabriel Blanco, o encargado de levar o galego a través da música, interpretando pezas do seu disco Volboretei.

Votación
0 votos
Comentarios

Un libro recolle as 61 creacións da nova colleita de escritores estradenses